Foron contratados a través do Plan Concellos para todas as disciplinas
O salón de plenos do consistorio cangués acolleu nas últimas horas unha reunión para dar a benvida ao novo persoal contratado coa subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión solicitáronse 23 novos operarios para todas as disciplinas, entre as que se poden atopar, limpeza viaria, oficial albanel, conserxes, xardinería, peóns agrícolas, auxiliares administrativos, condutores e peóns de emerxencias.
A alcaldesa, Victoria Portas, quixo recibilos no salón de plenos o primeiro día de traballo, para coñecelos e ofrecerlles o seu apoio para todo o que necesiten, a alcaldesa é coñecedora das carencias de persoal do concello, e sabe que con este reforzo poderanse acometer servizos que ata o momento eran imposibles, como di a alcaldesa “temos que arrombar todos os nosos lugares públicos, sobre todo os de lecer e esparexemento, comezando de inmediato coa limpeza e as rozas”.
Facendo fincapé en algo que Portas non quere pasar por alto e que xa comentou en varias ocasións con Aurora Prieto, como é o estado das rotondas de acceso á vila, unhas rotondas que se atopan en estado lamentable, e que todos os cangueses e canguesas saben que son responsabilidade da Xunta de Galicia, pero que como se pode comprobar teñen totalmente desatendidas.
Ultimato á Xunta polo estado das rotondas
A alcaldesa no día de hoxe aproveita para dar un ultimato á administración autonómica, despois de terllo advertido en máis dunha ocasión, de que se esta semana a Xunta non acondiciona as rotondas, será a propia alcaldesa quen se encargue de solucionar o problema, xa que a entrada principal do municipio non pode estar nesas condicións, dando unha imaxe de deixamento e sucidade que non retratan a realidade do noso municipio.