Moaña e Bueu mantéñense no nivel medio como nos últimos días
Cangas mellora os datos de contaxios, neste momento contabilízanse 33 casos activos, e iso permitiulle ao comité clínico que asesora á Xunta na pandemia poder baixar de nivel ao municipio dende o medio ata o medio-baixo. Así, desde as 00:00 horas do sábado a hostalería poderá abrir o interior nun 50 por cento e un 75 por cento as terrazas.
«Agradecemos a responsabilidade que demostraron os veciños e veciñas de Cangas, tanto os mozos como os menos novos, que se está demostrando nun descenso rápido dos casos activos no noso municipio. Un compromiso co que todos e todas debemos continuar pola saúde persoal pero tamén económica de Cangas», eloxia a alcaldesa, Victoria Portas, ao ser coñecedora da melloría que dará un novo balón de osíxeno á hostalería.
Pola contra, Moaña, con 37 positivos activos, e Bueu, con 17, permanecen baixo as restricións do nivel laranxa como ata o momento a pesar de que os datos en Moaña melloraron nos últimos días despois do repunte rexistrado a semana pasada. En canto a Bueu, mantense sen destacables baixadas nin subidas.