Ramallo e Silva asinando o convenio do Reacpon.

A alcaldesa destaca que a Deputación achega a totalidade dos fondos necesarios a través do Plan ReacPon e do Plan Concellos

A presidenta Carmela Silva e a alcaldesa María Ramallo asinaron onte o convenio para a transformación da contorna do Mercado municipal de Seixo en nun
espazo amable. Un “pistoletazo de saída” a esta ambiciosa actuación que supón un investimento de 730.744 euros, achegados integramente pola Deputación (548.058 euros a través do plan ReacPon e os restantes 182.686 euros a través dos recursos do Plan Concellos que corresponden ao Concello de Marín). A intervención permitirá recuperar espazos públicos para as persoas, reordenando viarios e mellorando a mobilidade e a accesibilidade na contorna do mercado de Seixo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva enxalzou que “moi pronto a veciñanza de Seixo vai poder desfrutar desta renovada contorna do Mercado”, unha actuación que “vai consolidar o núcleo urbano de Seixo impulsando a mobilidade amable, a seguridade e creando espazos para facilitar a convivencia, facendo que os vehículos deixen de ser protagonistas da trama urbana e da vida dos concellos para que sexan as persoas as que ocupen eses espazos”. Neste eido recordou que “nós levamos moito tempo defendendo esa transformación, convertendo á provincia nun exemplo de como se transforman os concellos” e puxo en valor o papel dos concellos “que se sumaron de forma activa neste novo modelo”.

Tamén subliñou a presidenta a importancia do ReacPon como ferramenta para
impulsar políticas económicas expansivas vinculadas aos fondos que aprobou a
Unión Europea e o Goberno do Estado. “Pero sobre todo, somos moi conscientes de que os concellos teñen grandes ideas, grandes proxectos e necesidades, que non poderían facer sen recursos extraordinarios e de aí que teñamos aprobado este plan, que supón dotar destes recursos aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”, asegurou.

A presidenta remarcou que o plan ReacPon foi convocado en concorrencia competitiva, con criterios de valoración obxectivos, e estaba aberto a tódolos concellos da provincia, de tódalas cores políticas, sempre que cumpriran cunhas “esixentes” bases encamiñadas a “facer grandes transformacións relacionadas coa transición ecolóxica, a dixitalización, a eficiencia enerxética e a recuperación do espazo público”.

Igualdade de oportunidades para tódolos concellos en lugar de convenios directos

Un plan extraordinario que, como os anteriores convocados pola Deputación nos últimos 6 anos (PICEI, DepoRemse e Reequilibrio), ofrece igualdade de oportunidades a tódolos concellos, en contraste coa sucesión de convenios directos e subvencións opacas que reparte habitualmente a Xunta de Galicia entre os da súa mesma cor política, poñendo así á veciñanza da meirande parte dos municipios desta provincia nunha situación de desvantaxe en relación á calidade dos servizos que recibe.

Pola súa banda a alcaldesa de Marín, María Ramallo, agradeceu “a empatía que xurdiu, tanto dende o punto de vista técnico como institucional para sacar adiante este proxecto” e remarcou que é a Deputación de Pontevedra quen, a través do plan ReacPon e do plan Concellos, financia o 100% da remodelación da contorna do mercado municipal de Seixo. Tamén subliñou o “moi positivo” deste tipo de convocatorias, “que facilitan que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidamos acceder a fondos europeos e sumarnos a estas iniciativas sen as que non teríamos oportunidades”. No que respecta ao proxecto destacou que a remodelación da contorna do mercado de Seixo vai “permitir dotar de novas facilidades urbanas e crear unha nova realidade no segundo casco urbano de Marín, á parroquia máis turística do concello”.

O proxecto

Infografía do entorno do mercado de Seixo.

A actuación financiada pola Deputación abrangue un espazo que comprende un tramo da estrada Grupo Escolar, unha das arterias do núcleo urbano de Seixo, a avenida Otero Ulloa e o Camiño Vello, onde se vai incrementar o espazo peonil nun 245%. Crearase unha grande praza pública con forma trapezoidal, que se converterá nun lugar de esparexemento e desfrute do espazo público por parte da cidadanía así como nun lugar adaptado para usos múltiples de ocio e de lecer, a carón do Mercado de Abastos.

Xunto á creación da praza reorganizarase o espazo para persoas e para vehículos, creando viarios de plataforma única e de preferencia peonil rodeando a praza, eliminando o carril de estacionamento e configurando un núcleo máis seguro accesible, acolledor e respectuoso co medio ambiente. Ademais adaptaranse e melloraranse a totalidade dos servizos municipais e infraestruturas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *