Este recoñecemento faise efectivo pola colaboración prestada por parte da UIFO a esta Agrupación, que quere ademais poñer en valor o importante labor desta unidade e, en xeral, do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios da Consellería do Medio Rural
A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Consellería do Medio Rural, recibiu a distinción que outorga a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cangas, coincidindo coa celebración da festividade do patrón desta entidade. Este recoñecemento faise efectivo pola colaboración prestada por parte dos axentes ambientais da UIFO a esta Agrupación, que quere ademais poñer en valor o importante labor desta unidade e, en xeral, do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia.
A entrega da distinción realizouse nun acto celebrado no salón de plenos do Concello de Cangas. Con este mesmo motivo, o consistorio cangués programou ao longo desta fin de semana unha charla por parte dos responsables da UIFO, para dar a coñecer o seu traballo, así como a visita á localidade da brigada helitransportada con base no Campiño.
Cómpre lembrar que a UIFO é unha unidade integrada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que poden centrarse especificamente e con maior intensidade en tarefas de vixilancia, disuasión e investigación dos lumes.
Tamén, grazas a esa dedicación en exclusiva, os seus integrantes poden focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio que se consideren máis sensibles, especialmente en períodos nos que se incrementa o risco de lumes. Ademais, a UIFO coordínase e colabora coas Forzas e Corpos de seguridade do Estado, así como coas diferentes agrupacións de Protección Civil, nese traballo de loita contra os incendios forestais.