A alcaldesa, María Ramallo, presidiu este encontro de traballo con representantes de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria de cara ao inminente inicio das obras, que serán un paso máis na mellora da calidade das augas da nosa ría
A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos edís de Urbanismo, Manuel Santos, e de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, presidiu esta mañá na Sala de Xuntas do Concello de Marín unha reunión técnica de cara ao inminente comezo das obras de saneamento que a Xunta de Galicia levará a cabo no río Lameira. Na reunión estiveron presentes representantes de Augas de Galicia, da UTE Petrolam Infraestructuras, que resultou a empresa adxudicataria, da dirección de obra e dos técnicos municipais, coa finalidade de poñer sobre a mesa a situación
e as necesidades de cara ao arranque da obra, que está previsto para a primeira semana de maio.
Así a todo, tal e como trasladaron os técnicos ao persoal municipal, está previsto que xa neste mes de abril se inicien os traballos previos, delimitando as zonas que foron obxecto de expropiación e preparando o terreo para o arranque da actuación, que se irá executando por tramos ao longo dos 12 meses que ten de prazo para o seu remate. A actuación suporá a optimización da rede de saneamento do entorno do río Lameira, reducindo a entrada de augas brandas e regulando a derivación de caudal á depuradora en tempo de chuvia.
Renovarase o colector, actuando sobre unha lonxitude de 1.600 metros cadrados, desde a súa orixe en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe. Retirarse o colector actual do río e habilitarase un acceso para o seu mantemento, no que se prevén tres pasarelas. Tamén se construirá un depósito de retención de augas abaixo e actuarase sobre a estación de bombeo existente para corrixir as deficiencias que orixinan frecuentes alivios ao río.
Esta intervención é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello, xa que se asumiron case 80.000 euros de inversión para o custe das expropiacións. A inversión globa do proxecto ascende a 3,1 millóns de euros.