Representantes de Zero Associaçao Sistema terrestre sustentable de
Portugal, unha fundación sen ánimo de lucro que asesora aos municipios
portugueses en materia de residuos, vén de realizar unha visita á provincia
de Pontevedra para coñecer de primeira man o Plan Revitaliza de
compostaxe e ver a posibilidade de trasladalo e adaptalo aos municipios
lusos, principalmente da zona de Fátima e o Norte de Lisboa.
Na xornada de traballo participaron o director da entidade, Paulo Locas, así
como dúas persoas responsables técnicas do desenvolvemento de sistemas
de xestión de residuos, Pedro Horta e Sara Correia. A entidade coñeceu do
traballo que está a realizar a Deputación a raíz do informe realizado sobre o
Revitaliza trala visita de Zero Waste á provincia de Pontevedra e considerou
interesante afondar sobre os datos concretos, o tempo que leva en marcha a
iniciativa, o persoal que se destina ao programa e tamén as condicións nas
que se realiza o tratamento de quilómetro cero.
A visita comezou nas instalacións do Revitaliza cunha exposición teórica
sobre cifras de implantación na provincia de Pontevedra, os resultados, os
investimentos e as perspectivas de futuro, a distribución dos centros de
compostaxe comunitaria e o reparto de composteiros individuais, o proceso
da compostaxe e a cantidade de poboación atendida con este sistema.
Posteriormente fíxose un percorrido práctico que pasou por Moaña –coa
recepción do concelleiro Odilo Barreiro- visitando os CCC da rúa Daniel
Castelao , da Praza de Abastos, o de Concepción Arenal e da Praza de Lola
Diz, para logo cambiar de municipio cara a Poio e coñecer o funcionamento
do composteiro da Praza de Ferrreirós. Segundo explicou o persoal técnico
provincial todos os CCC implantados na provincia seguen os mesmos
parámetros potenciando o tratamento en o quilómetro cero.
As representantes portuguesas, que subliñaron que en Portugal apenas
existen iniciativas puntuais de compostaxe, amosáronse sorprendidas polo
grao de implantación e a implicación da cidadanía pontevedresa, polo que
consideraron que o Revitaliza é un exemplo a seguir.