Óscar Graña, técnicos de emerxencia do 061 de Cangas.

É técnico de emerxencias do 061 na base de Cangas desde hai 27 anos e delegado sindical  da CIG desde hai seis. Pero desde esta semana sente aínda máis orgullo de representar aos seus compañeiros e, indirectamente, a todos os traballadores do sector grazas a que o seu traballo, da man do avogado Ignacio Pérez Amoedo, logrou un feito histórico sen precedentes. Unha sentenza firme na que agredir a un técnico de emerxencias do 061 non sae gratis. É considerado delito á autoridade.

Sorprendido?

Nós fomos quen impulsamos que se cambiase o tipo de delito a través de alegacións e por isto non nos sorprendeu moito, pero recoñezo que nos alegramos moitísimo desa decisión. Gustaríanos destacar o traballo que fixo o noso avogado que levou o caso, pero sobre todo que a Fiscalía tivese a sensibilidade de facer ese esforzo de interpretación para poder incluírnos. Convidamos a que no futuro noutros lugares se faga igual.

Houbo unha estratexia diferente a ocasións anteriores?

Como colectivo trasladamos toda a argumentación necesaria para presentar unha alegación que fose entendida. Porque non soamente é pedilo, tamén hai que expoñer que antecedentes hai, similitudes ou por que se debería considerar así. Un documento ao que despois o noso avogado deu forma e que foi atendido pola Fiscalía e considerado polo xuíz.

Espérase o mesmo nos tres casos que esperan sentenza en Cangas

Podería e esperamos que sexa así. No caso de que por algún motivo a tramitación se iniciase como delito leve nós presentaremos os recursos necesarios para que se cambie como fixemos no caso desta sentenza, que non senta xurisprudencia pero o que si establece é un precedente que pode ser empregado en futuras ocasións para que se considere delito de atentado á autoridade e non un delito leve de lesións como ata o de agora. Por iso, agradecemos o apoio dos medios porque esa presión pode facer que noutros casos suceda igual.

A Xunta incluirá na modificación da Lei de Saúde de Galicia as infracción e sancións por agresións aos técnicos de emerxencias sanitarias e do 061…

Cremos a decisión da Xunta de cambiar a lei ten como detonante o suceso que aconteceu na Coruña onde un enfermeiro foi acoitelado no servizo de urxencias. Pero se é así e ábrese ese abano e este ruído que facemos ten que ver con esa decisión, celebrámolo. Cremos que é o que ten que ser. Como representante do colectivo, se traballan nesa liña consideramos que é un traballo debidamente feito. Por fin estarían a ternos en conta aos técnicos de emerxencias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *