A Policía Local de Moaña pillou esta madrugada a un veciño de Cangas que estaba a picar as rodas a varios vehículos aparcados na rúa Centoleira, no barrio do Rosal. Ata o lugar desprazáronse os axentes que, unha vez no lugar, observaron como o home tentaba abandonar o lugar nun turismo cando se decatou da presenza da Policía. Nese momento é interceptado polo coche oficial.
Durante o cacheo trata de desfacerse dun coitelo tirándoo á cuneta. Unha vez inspeccionada a zona comproban que son cinco os coches coas rodas dianteiras picadas. Ante a proximidade do cuartel da Garda Civil, os axentes da Policía Local convidan o acusado a acompañarlles ata as dependencias da Benemérita para a súa identificación e investigación dos feitos.
A Policía Local realizou un atestado con dilixencias previas e a Garda Civil encargouse da instrución do caso.