O pleno da corporación de Moaña celebrado o pasado xoves por urxencia ao detectarse un erro na licitación do servizo de limpeza viaria aprobou, cos votos a favor dos partidos do goberno local (BNG e PSdeG) e a abstención da oposición (PP e XM), solucionar ese problema e dar luz verde a unha nova licitación cuxo prazo finalizará o 17 deste mes de febreiro. Precisamente, leste era o motivo da présa. O erro de cálculo, que non afectaba á contía total de licitación, debía de emendarse vía sesión plenaria canto antes para permitir que as empresas poidan presentarse «con todas as garantías xurídicas», indicou a edil de Servizos, Marta Freire, no prazo establecido e evitar futuros recursos que poidan tirar abaixo o concurso.
En resposta á pregunta realizada pola edil popular Silvia Rueda sobre se este erro pode afectar a algunha empresa que xa presentase a documentación, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, aclarou que ata ese momento non se presentou ningunha empresa. Aínda que, adoitan facelo nos últimos días ao tratarse dun contrato de gran complexidade.