O cemiterio municipal de Moaña.

A Xunta, ante a celebración este 1 de novembro do Día de Todos os Santos, lembra as pautas que se deben seguir nos cemiterios para controlar o mosquito tigre e reducir as súas posibilidades de reprodución. Así, recoméndase que os recipientes para flores ou obxectos ornamentais non permitan a acumulación de auga porque poderían albergar larvas do mosquito Aedes albopictus.

Como solución máis eficaz, proponse facer buracos nos recipientes para facilitar a súa drenaxe. De non ser posible, pódese manter a humidade usando esponxas ou fibras absorbentes e enchendo os recipientes de area.

Polo tanto, en base ao Programa xestión integrada do mosquito tigre elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, a Consellería de Sanidade lembra que os cemiterios son espazos sinalados como lugares a vixiar polos Concellos nos que o mosquito tigre estea instalado, é dicir, as localidades do Morrazo de Cangas, Moaña, Vilaboa e Redondela, ademais da cidade de Vigo.

En todo caso, a baixada de temperaturas previsible nas próximas semanas agárdase que faga desaparecer o mosquito tigre durante o inverno aínda que a Dirección Xeral de Saúde Pública estará pendente da súa posible aparición de novo na primavera.

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo as recomendacións para evitar a proliferación deste vector e ao descargar a APP Mosquito Alert para permitir o control desta especie. Mostra do éxito do traballo das institucións públicas e a colaboración cidadá é a mención que o CSIC fixo ao traballo da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec).

Tal e como destacou o Consello Superior de Investigacións Científicas ao facer referencia ao primeiro caso detectado este verán en Moaña, a eficiente coordinación entre Mosquito Alert, a Xunta de Galicia e a ReGaViVEC permitiu confirmar a presenza do mosquito tigre sobre o terreo en menos de 24 horas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *