Reclama a mellora da seguridade na PO 313 ao seu paso por Broullón, ademais dunha nova residencia para maiores e a creación dun Punto de Encontro Familiar
A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de denunciar o “abandono” da Xunta ao concello de Moaña nos orzamentos para o ano 2023, nos que o concello está ausente máis alá dos “mesmos tres proxectos que levan incluíndo dende hai anos pero sen executar”. Gallego compareceu xunto co secretario xeral do PSdeG no concello, Mario Rodríguez.
A responsable socialista anunciou que os socialistas presentarán emendas aos Orzamentos do próximo ano incluíndo as principais demandas para a localidade, comezando pola mellora de seguridade na PO-313 ao seu paso polo Broullón. A responsable socialista reclama como mínimo beirarrúas para peóns, a creación de pasos de peóns con semáforos e elementos redutores de velocidade para os vehículos.
Explicou que tamén pedirán en materia de infraestruturas a mellora dos tramos urbanos da PO–551 para garantir a accesibilidade peonil, así como a mellora do acceso ao Polígono Industrial do Cocho. Ademais, os socialistas incluirán no debate o proxecto dunha nova residencia de maiores para o concello, así como a creación dun Punto de Encontro Familiar, a reforma integral das cociñas do comedor do Colexio Público Reibón e a posta en valor do Castro de Montealegre, incorporando persoal para atención ao visitante e o mantemento de estruturas e accesos.