A rexidora co representante da CIG e o técnico do 061 de Cangas.

A alcaldesa reuniuse co representante de Saúde CIG no Morrazo e cun técnico do 061 ante a agresión acontecida fai dúas semanas no PAC de Cangas. A rexidora comprometeuse a trasladar un escrito a Sergas e 061 coas demandas dos sanitarios para o correcto funcionamento das urxencias e do centro de saúde

Ante a inseguridade que cada fin de semana viven os sanitarios que traballan en Cangas, tanto os que dan servizo de urxencias no PAC como os técnicos do 061, este colectivo esixe ao Sergas que contrate persoal de seguridade para que os profesionais poidan desenvolver a súa función pública de atención ás emerxencias dunha forma máis segura. Cabe lembrar que fai dous fins de semana foi agredido un técnico do 061 cando prestaba atención a un ferido nunha pelexa ocorrida na zona de «movida» da Avenida de Marín e que a madrugada do sábado ao domingo pasados un celador do PAC tamén recibiu un golpe dun paciente ao que asistía.

Esta é unha da media decena de demandas que o responsable de Saúde CIG Morrazo, Óscar Graña, e un representante do persoal de técnicos do 061 de Cangas trasladaron esta mañá á alcaldesa, Victoria Portas, coa que se reuniron no seu despacho para explicarlle detalladamente a situación que viven as noites das fins de semana no municipio. Portas, que se interesou durante estes días polo estado no que se atopa o técnico agredido, púxose ao dispor destes sanitarios para, conxuntamente, solicitar a través dun escrito ao Sergas e ao 061 que actúen e poñan medios para frear esta violencia ao sector sanitario porque, argumenta, «isto é un problema que hai que solucionar entre as dúas administracións, Xunta e Concello». «Hai que garantir que o PAC e o centro de saúde funcionen correctamente», consideran a rexedora e o representante sindical.

Atentado á autoridade

Ademais desta reclamación, que esixen sexa unha realidade máis pronto que tarde, desde a CIG tamén trasladaron a Portas a necesidade de que toda agresión a calquera profesional, teña ou non unha categoría sanitaria, estea contratado directa ou indirectamente pola administración, e atópese prestando un servizo público, sexa considerada un atentado á autoridade. De feito, explica Graña, isto é algo «viable» porque xa teñen coñecemento de, polo menos, dúas sentenzas en Galicia (unha en Ferrol e outra en Santiago) nas que os autores foron condenados con prisión.

«Sabemos que estas medidas non son a solución porque o verdadeiro problema de fondo é o desmantelamento da asistencia sanitaria», afirma o representante da CIG, «porque a percepción da xente de que non está a ser atendida correctamente ou en tempo».

Xunta Local de Seguridade para demandar un reforzo policial

Por último, e fundamental, requiren de máis presenza policial. A noite canguesa ha «revivido» e está a ser un reclamo para a mocidade de Vigo, ademais de para a do resto de municipios da comarca, e iso provoca núcleos de conflito que, en moitas ocasións, acaban necesitando a presenza dunha ambulancia para atender a feridos. «Nós temos que acudir para atender as emerxencias pero a Policía non nos pode apoiar por que non están preto», relata o portavoz da CIG Saúde no Morrazo. «Tamén hai situacións nas que ata que non chega a Policía non podemos acceder, co risco que iso supón para a saúde da persoa que nos espera», engade. #Ante esta situación, da que informaron á alcaldesa detalladamente, Vitoria Portas comprometeuse a convocar unha Xunta Local de Seguridade na que, aínda que non forman parte, tamén estará presente por primeira vez o 061.

Botellón ás portas de Urxencias, afluencia de moz@s e violencia

Un encontro cos máximos responsables das forzas e corpos de seguridade na zona no que se poñerá o acento en como atallar un sen sentido como o botellón na porta de acceso ás urxencias do PAC e en alertar das situacións conflitivas e preocupantes que se xeran «a partir das catro da mañá» cando os mozos regresan á súa localidade de orixe e realizan o traxecto desde a zona de lecer ata o porto de Cangas. «Atopamos persoas tiradas polo chan, pelexas e danos ao mobiliario público, entre outras situacións, e mesmo fomos en máis dunha ocasión para realizar asistencias na estación marítima», relata Graña e constata a Policía Local canguesa, cuxo representante se sumou hoxe á reunión en Alcaldía. Cremos que non é normal que na porta do centro de saúde e na propia porta de Urxencias haxa un núcleo de botellón.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *