Os tres locais conxugarán tradición e innovación para sorprender aos comensais que se acheguen os días 13 e 14 de abril ao adro de San Adrián
O Concello ultima xa o programa da Festa do Mar de Vilaboa que se instalará de novo no adro de San Adrián de Cobres para amosar a fortaleza do sector local a través dun evento gastronómico que terá lugar esta fin de semana, os días 13 e 14 de abril para garantir a máxima calidade do mexillón, da ameixa e do choco.
Serán tres os restaurantes locais encargados das degustacións, elaboradas a partir do produto recollido para este evento pola Confraría de Vilaboa. A Garboa, A casa de Rosa de Mazaroca e Aurelia poranse aos fogóns para preparar as tapas de mexillón a 3,5 euros; os chocos a 5 euros e a 6 euros estará a ameixa, tanto a xapónica como a cornicha. Todos eles preparados en distintas elaboracións: en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira. Este ano, como novidade, haberá stand cafetería
da man do bar Chancho e repetirá tamén o posto doce para completar o menú con panadería pastelería Os Laranxos.
Os tres restaurantes triplicaron a petición de produto á Confraría con respecto á edición do ano pasado, na que a afluencia de comensais esgotou as racións elaboradas impedindo atender a alta demanda concentrada na carpa. Os equipos de cociña de cada un dos locais de restauración ofertarán por tanto pratos tradicionais con innovacións culinarias capaces de sorprender.
E xunto aos produtos do mar compartirán protagonismo e promoción os viños da IXP Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros e Ardán. A comisión organizadora, na que ademáis do Concello están as mariscadoras, mariñeiros e bateeiras, será a que realice a cata das elaboracións dos restaurantes participantes, con premios para a Innovación, o Sabor e a Presentación; prantexando para este ano o novo reto de sorprender ao público en xeral conxugando elaboracións tradicionais con pratos máis atrevidos