Continuando co plan de mantemento dos espazos e mobiliario público municipal, o Concello de Bueu acometeu ao longo destes meses diversas obras de mantemento nos principais parques infantís, nas que se substituíron elementos deteriorados, se mellorou a seguridade e se actuou sobre os pavimentos. Precisamente, este xoves, Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou o Parque Xosé Novas de Beluso, xunto ao aparellador municipal e á responsable da empresa encargada do mantemento, e salientou que “en total, o Concello investiu este ano preto de 24.000 euros no mantemento destes espazos utilizados pola cativada das tres parroquias, nos que se reforzou a seguridade e a accesibilidade”.
Así, no parque Xosé Novas de Beluso elimináronse as pintadas e danos nas madeiras laterais do tobogán e mesas de xogo, substituíronse as plataformas apodrecidas e repintáronse as madeiras danadas, reparouse o bambán, substituíronse algunhas pezas rotas e recolocáronse as lousas de caucho do chan, co posterior recheo de ocos con caucho continuo.
Tamén se actuou no Parque Infantil das Lagoas, onde se procedeu ao arranxo da tirolina e dunha limpeza con auga a presión das lousas de caucho do chan, que se atopaban en moi mal estado. Con respecto a este parque, o rexedor, tamén encargado da xestión da área de obras e servizos, agradece a colaboración cidadá, “pois recibimos unha chamada no Concello que nos alertou da rotura da tirolina, polo que puidemos actuar con rapidez”. Así mesmo, neste parque arranxouse o balancín xiratorio coa substitución das pezas danadas, e tamén se actuou no valado exterior, coa incorporación das madeiras que faltaban.
No Parque Ramal dos Galos, situado xunto á biblioteca municipal, mellorouse o chan, reparáronse e substituíronse os xogos en mal estado, e retiráronse as pintadas situadas nalgúns elementos metálicos, nos que se aplicou un tratamento anti – óxido con posterior pintado.
Por último, no parque do Centro Sociocultural de Cela reparáronse as lousas de caucho do chan, coma no resto de espazos, substituíronse os asentos dalgúns xogos que estaban en mal estado, e reconstruíuse o valado perimetral.