O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de once anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a cada un dos tres tripulantes do narcosubmarino de Aldán, afundido en novembro de 2019 fronte á praia do Foxo. Na embarcación, segundo a sentenza, transportaban ao redor de 3.068 quilos de cocaína, cuxo prezo no mercado ilícito ascendería a 123.244.573 euros. O alto tribunal acolleu os recursos -tres deles parcialmente e un na súa totalidade- presentados polos catro condenados por presuntamente colaborar activamente cun dos tripulantes.
Desta forma, absolveu a un deles, quen fora condenado a sete anos de cárcere, ao entender que a súa actuación, limitada á achega de roupa aos acusados que viñan na embarcación, “non favorece nin facilita o tráfico de drogas, pois o seu obxectivo é o auxilio persoal”. O delito contra a saúde pública, segundo salienta o TSXG, “xa se habería consumado” por parte dos tripulantes, os cales “non terían en ningún momento a partir da súa saída do mar dispoñibilidade algunha sobre a droga que transportaban”. O TSXG tamén absolveu a un condenado a sete anos de cárcere do delito contra a saúde pública relacionado co somerxible, polo que fora condenado a sete anos de cárcere, ao entender que “non hai proba que o incrimine”, pois asegura que só se corroborou o seu “coñecemento dunha eventual operación de tráfico de drogas e un acto de colaboración que non se proxecta sobre o tráfico de drogas en si mesmo considerado”. Os xuíces si o consideraron autor dun delito contra saúde pública na modalidade de substancias que non causan un grave dano á saúde porque localizaron cannabis no seu domicilio. Por iso, condenárono a un ano de prisión.
En canto aos outros dous procesados, a Sala do Civil e Penal rebaixou as súas condenas -de nove anos a 26 meses de cárcere; e de sete anos de prisión a 18 meses de cárcere, respectivamente, porque entende que o delito contra a saúde pública non o consumaron, que o cometeron en grao de tentativa. Os maxistrados conclúen que estes dous acusados, os cales estaban en terra, non participaron nas operacións previas ao transporte nin chegaron a ter a dispoñibilidade efectiva da droga. A sentenza do TSXG non é firme, pois pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.