As concellerías de Mocidade e de Benestar Social de Moaña que dirixen Xosé Daniel Costas e María Ortega programan para este sábado 19 de febreiro ás 19:30h na cMo-Casa da Mocidade de Moaña un obradoiro que se chama `Música Represaliada, Memoria´ que está dentro do programa “O pasado está por vir” da Área de Memoria da Deputación de Pontevedra.
Será a cargo de Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto, entre 1990 e 2001. Desde 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego (coma A tropa da tralla), colaborou con varias publicacións (coma a revista Bravú) e foi subdirector de programas da Radio Galega, onde tamén dirixía Aberto por reformas, un espazo caracterizado por emitir exclusivamente música en galego. Forma parte do grupo Os Tres Trebóns, onde se encarga da voz e do acordeón.
Música Reporesaliada, Memoria
Segundo os concelleir@s, o obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. «Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión (algunhas e algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño», explican.
Partirase de diferentes testemuñas orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas do seu contorno