Presentación o Son Rías Baixas.

O festival chega este ano como un ciclo de concertos con doce actuacións que terán lugar entre os días 3 e 8 de agosto cun formato próximo, divertido e seguro

O Recinto Multiusos da Estacada vibrará a vindeira semana ao ritmo de estilos musicais tan variados como o rap, o flamenco ou o rock coa nova edición do
Baixas, que será a cuarta cita dos Rías Baixas Fest, a marca provincial da Deputación de Pontevedra. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias acudiu ao porto de Bueu para estar presente no acto de presentación do festival que chegará a este municipio da península do Morrazo cun formato próximo, divertido e seguro. O SonRías Baixas será este 2021 un ciclo de concertos con seis sesións nocturnas, do 3 ao 8 de agosto, con dous directos cada noite ás 21.00 e ás 22.15 ou 22.30 horas.

O festival conta este ano cun cartel cheo de artistas relevantes da escena galega e estatal entre os que destaca o MC Kase.O, que escolleu o SonRías Baixas como única data estival en Galicia para celebrar os dez anos do seu proxecto “JazzMagnetism”. Ademais, ao escenario situado no Recinto Multiusos da Estacada tamén se subirán artistas como La Pegatina, Travis Birds, Tu Otra Bonita ou Muerdo, quen ofrecerán ao público directos de gran formato cos que a diversión está garantida.

A relevancia das voces femininas no panorama musical actual porase tamén de manifesto no festival coas actuacións de Sés e Sabela, esta última dará a coñecer o seu novo espectáculo en Bueu. O cartel do SonRías Baixas complétase con actuacións de bandas galegas como do dúo TéCanela, os rapeiros SonDaRúa, que presentan o seu primeiro LP “Eterno Combate”, así como grupos de renome dentro do panorama estatal como Iseo & Dodosound, Ciudad Jara, que actúan por primeira vez en Galicia, ou La M.O.D.A.

Malia que as entradas xa están esgotadas para o venres 6 e o sábado 7, todas as persoas que queiran asistir aos concertos programados para o resto dos días aínda están a tempo de mercar o seu pase no sitio web do festival (www.sonriasbaixas.info) ou na plataforma dixital www.entreticket.es.

O SonRías Baixas é o cuarto dos Rías Baixas Fest que se celebra neste 2021. Tras o éxito acadado polos festivais Vive Nigrán, Atlantic Fest e Sinsal a música seguirá inundando a provincia da man da Deputación, neste caso en Bueu, antes de chegue o momento de desfrutar do Marisquiño en Vigo (6-8 agosto), o Revenidas en Vilagarcía de Arousa (10-12 setembro) e o Portamérica en Caldas de Reis, cuxa data está aínda por confirmar.

A institución provincial está a reivindicar en todos estes festivais a importancia da sustentabilidade e a igualdade a través de novas campañas. No caso da de igualdade, cun audiovisual de denuncia ao acoso e á violencia machista e, no da sustentabilidade, cun espazo destinado a que os asistentes compartan o seu momento Rías Baixas nun sistema tan ecolóxico como o é un globo, amais de dispor de información sobre a importancia do consumo da artesanía e o produto local.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *