Lonxe de solucionárense, segundo a CIG, os problemas da falta de persoal médico no PAC de Cangas co remate do verán, os problemas continúan producíndose novamente polas faltas de cobertura durante o mes de setembro e a situación nos vindeiros meses podería empeorar.
Desde o sindicato aseguran que a fin de semana pasada produciuse un feito sen precedentes na política de persoal da Xerencia de Vigo cando o Sergas negouse a activar ao persoal médico que está designado par as coberturas que poidan xurdir pertencente a un sistema denominado como “lista de médicos localizados”.
Deste xeito, denuncia o sindicato nacionalista, o Sergas negouse por medio do directivo de garda a enviar ao médico dispoñible para realizar a cobertura do sábado pola noite, pese a estar percibindo unha remuneración para este fin. Quedando novamente 2 médicas de 3 no PAC de Cangas pese a estar encargadas de atender tamén á poboación limítrofe de Moaña.
«Cada vez queda máis evidenciado que as verdadeiras intencións do Sergas son as de eliminar unha praza de médica, aproveitando a reunificación dos servizos de Urxencias de Moaña e Cangas, e aumentar a presión asistencial sobre o seu persoal como castigo por denunciar publicamente as carencias na asistencia urxente que padece a poboación do Morrazo, critican.
A CIG-Saúde solicitará explicacións na mesa sectorial á Xerencia de Atención Primaria de Vigo sobre o ocorrido e esta mesma semana enviará unha carta dirixida aos seus responsábeis solicitando información por escrito ao respecto do ocorrido.
Mentres tanto, dende a Unión Local do Morrazo da CIG solicitarán unha nova reunión coa alcaldesa cumprindo co seu compromiso de informar sobre a situación sanitaria do Concello, na que pediran que se exerzan todas as accións que considere necesarias para obrigar ao Xerente da Area Sanitaria a cumprir as súas promesa de reunirse coa alcaldía para dar as explicacións necesarias e para recibir as peticións de mellora de primeira man.