Sanitarios no centro de saúde de Bueu.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de reorganizar a cobertura das dúas consultas de Pediatría do centro de saúde de Bueu, tras acadar a xerencia a colaboración voluntaria de seis pediatras, que permitirá suplir as baixas dos dous especialistas titulares de Pediatría deste centro. En concreto, durante o mes de marzo, unha das consultas cubrirase en horario de mañá (días 21, 22, 27 e 30 de marzo); namentres que a segunda das consultas prestará cobertura asistencial en horario de tarde, nos días 21, 23, 28 e 30.

Pola súa banda, desde o 1 de abril, unha das consultas atenderá a demanda asistencial, en horario de mañá, os días 5, 13, 19 e 25 de abril, pendente de engandir mais días de cobertura.

Nesta mesma liña, e co obxectivo de reforzar a prestación sanitaria infantil, o centro de saúde vén de ampliar o seu cadro de persoal cunha nova enfermeira para atender aos nenos de Bueu.

Desde a Xerencia da Área Sanitaria garántese a cobertura do programa Neno San, tanto por parte do pediatra, como por parte da enfermeira. Ademais, a asistencia das urxencias vitais será asumida polos médicos de familia do centro, tras seren vistas polo persoal de enfermería pediátrica.

Na actualidade, a non dispoñibilidade das dúas persoas titulares das prazas de Pediatría do centro de Bueu, por mor de senllas incapacidades temporais, engadido a non dispoñibilidade de pediatras nas listaxes de contratación, obriga a realizar cambios na organización dos recursos asistenciais. Porén, desde a Consellería de Sanidade considérase fundamental que o Ministerio de Sanidade tome en consideración as reiteradas peticións da Xunta de Galicia para poder fomar máis especialistas, e entre as que destacan: a convocatoria dun MIR extraordinario ou a flexibilización dos criterios das unidades docentes de formación. Con todo, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continurá a realizar xestións organizativas e administrativas, co obxectivo de ampliar a cobertura sanitaria no centro buenense.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *