O obxectivo da actividade gratuita é fomentar o contacto das familias coa natureza e os muiños a través dun contacontos dunha hora e media de duración
Os muíños de Riomaior acollerán o vindeiro domingo 9 de xuño o roteiro “Entre muíños e contos”, unha iniciativa gratuíta dirixida a familias e organizada polo Concello de Vilaboa. Tras completar o aforo na primeira quenda ás 11 da mañá, máis familias poderán gozar do roteiro didáctico nunha nova quenda ás 17:30 horas, aumentando así o número de prazas ofrecidas inicialmente.
Este roteiro ten como obxectivo fomentar o contacto coa natureza, os muíños, as muiñeiras e muiñeiros, nun entorno privilexiado para as familias. A dinámica da actividade parte de contar un conto relacionado co enclave dos muíños de Riomaior, de forma amena para espertar o interese dos máis cativos pola historia e que coñezan máis sobre o entorno e os oficios que antano se levaban a cabo na zona.
Por outro lado, a duración do roteiro será de 90 minutos e nela poderán participar nenos e nenas a partir de cinco anos, xa que se farán distintas paradas para descansar, repoñer forzas e ir achegándose á historia do lugar dende distintos puntos de vista a través do contacontos.
As prazas para esta nova quenda tamén son limitadas polo que para máis información e reservas, as familias deberán contactar con paseapontevedra@gmail.com
César Poza, alcalde de Vilaboa, convida ás familias a participar nesta actividade, que busca fomentar o arraigo da poboacón co entorno natural da localidade. “Coñecer os segredos de cada rincón é o primeiro paso para implicarse na súa conservación por eso promovemos esta actividade familiar, para favorecer que as crianzas descubran o gran potencial natural que ten Vilaboa”.