A actuación, que supón unha inversión de máis de 3 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, contempla a renovación do colector, a creación dun novo depósito, a mellora do bombeo do Lameira e a súa conexión co colector da Avenida de Ourense, así como actuacións puntuais en toda a rede para evitar filtración de pluviais
O proxecto integral de mellora do saneamento do casco urbano de Marín, centrado no colecto do Río Lameira, colle impulso e xa é posible ver a piqueta activa en distintos puntos polos que transcorre a rede hidráulica.
O proxecto céntrase en actuar sobre a rede de augas residuais da cunca do Lameira, que finaliza no bombeo do mesmo nome. Ese caudal chega ata o colector da Avenida de Ourense, onde finalmente impúlsase o saneamento ata a EDAR de Placeres. Este colector é un dos fundamentais de toda a rede de saneamento municipal, xa que cobre este servizo na maior parte do casco urbano.
A orixe do colector está na PO-313, pero a maior parte discorre polo propio leito do río. Isto, sumado a que existe unha rede única (que suma fecais e pluviais) en gran parte da rede e o alto grado de infiltración de auga de chuvia no sistema, provoca que se sobrepase o caudal máximo do sistema e que, polo tanto, se produzan verquidos incontrolados ao medio ambiente.
Polo tanto, con este proxecto integral búscase resolver esta problemática, actuando en distintas cuestións:
- Renovación do colector do Lameira: retirarase o colector do cauce do río e colocarase un novo a cinco metros do cauce. Isto permitirá renaturalizar o río e crear unha senda peonil sobre o novo colector. Ademais, crearase un novo depósito de retención no parque do Souto, xunto ao CEIP Sequelo.
- Mellora do bombeo do Lameira: é o que está situado no parque infantil fronte a Correos e desde o que se impulsa o caudal hidráulico ata o colector da Avenida de Ourense. Renovaranse os equipos electromecánicos e instalarase unha nova tubaxe que conecte co colector principal da Avenida de Ourense, renovado hai tres anos.
- Intervencións puntuais na rede existente: o obxectivo é separar as redes pluviais da do saneamento, para evitar o exceso de caudal. Inclúense seis intervencións neste sentido nas zonas de Coirados, Jaime Janer, Barriada de Suboficiais, Lavadoiro do Souto e na zona de Mogor.
En total, actuarase nunha lonxitude de 1.600 metros cadrados, e farase unha inversión importantísima superior aos 3 millóns de euros aportados pola Xunta de Galicia, grazas ao convenio firmado polo Concello, que aportou 80.000 euros de fondos propios para o custe das expropiacións.