O deporte e a igualdade de oportunidades únense en Marín grazas ao Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, que chegará ao fútbol sala grazas á Federación Galega de Fútbol e ao Club Deportivo La Peña. O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentou onte xunto cos representantes do equipo local, Félix Torres e Javier Rodríguez, e da federación, Pablo Prieto e Julio Mougan, esta iniciativa, que se desenvolverá na vila nos meses de setembro, outubro e novembro.
Durante estes meses, cualquer neno e nena de 16 anos para abaixo de Marín poderá apuntarse para realizar adestramentos e aprender este deporte. O obxectivo, tal e como se explica no programa autonómico, é poder axudar ás familias galegas coa conciliación e coa igualdade de oportunidades, valores fundamentais do deporte base.
Tal e como explicaron desde o Club La Peña, a partir da próxima semana darase máis información con respecto aos horarios e as localizacións nas que se desenvolverán estas actividades “e tamén habilitaremos unha dirección de correo electrónico específica para levar adiante as inscricións”.
Así a todo, xa existe un correo electrónico ao que se pode escribir para acadar máis información respecto do programa, que é corresponsables@futsal.es.