Normalidade absoluta. Así será a noite de San Xoán en Moaña. O concelleiro de Medio Ambiente, Odilo Barreiro, informa de que este ano non haberá restricións derivadas do Covid-19 pero advirte que, como sempre, aqueles que queiran celebrar a noite máis máxica do ano cunha fogueira deberán de solicitar permiso previamente no Concello.
No caso das fogueiras en terreo privado, o prazo para comunicalo ao Concello finalizará o 22 de xuño e, se a intención é facelo sobre chan público, requírese de maior antelación para estudar cada casuística e poder ditaminar se se pode ou non facer lume na zona para a que se solicita. Tamén como vén sendo habitual desde hai anos, queda terminantemente prohibido facer fogueiras nas praias de Moaña.