O grupo municipal do PP de Cangas ao comezo dun pleno.

O grupo municipal do PP de Cangas vai a presentar unha batería de preguntas para que o Goberno municipal explique cales son os apoios económicos que está dando aos deportistas municipais, así como á representación canguesa presente nos Xogos Olímpicos de París. Recordan que estas aportacións
económicas existían noutros mandatos con gobernos de diferente signo político e que, a pesar de ser cuantías modestas, contribuían a apoiar aos deportitas locais e amosaban o compromiso do municipio co seu deporte de élite e coas novas promesas.

“Está moi ben sacarse fotos izando bandeiras olímpicas e animar públicamente aos nosos deportistas pero estaría moitísimo mellos dar un apoio real e económico” reflexionan. Destacan que estas axudas foron eliminadas nos últimos anos así como a Gala do Deporte que servía para recoñecer o traballo dos deportistas máis destacados nas distintas disciplinas e dos propios clubes que, xunto coas familias, fan que o deporte cangués sexa unha referencia a nivel galego e nacional.

A estes exemplos suman o deficiente estado das instalacións municipais, asunto que xa foi tratado no Pleno da Corporación a tavés dunha moción desta formación, “e que como acontece co resto dos acordos plenarios, foi incumprido polo actual equipo de goberno”. “Podemos continuar co desmantelamento do programa de Deporte Escolar tal como se tiña concebido e no que participaban preto dun millar de escolares” engaden.

“É unha mágoa que o Goberno local liderado polo BNG, lonxe de ser autocrítico e traballar con feitos en favor do noso deporte, opte pola propaganda que en pouco ou nada axuda ao noso deporte” critican. “Desde o noso grupo reclamamos rendición de contas e investimento no mantemento das instalacións deportivas municipais, apoios económicos aos nosos deportistas na súa carreira deportiva dentro das posibilidades orzamentarias do Concello e un maior apoio aos clubes que, coa súa actividade ao longo de todo o ano, fan posible que o deporte cangués cun deporte base forte, imprescindible para que logo Cangas teña presenza nas citas deportivas de maior prestixio como os Xogos Olímpicos”.

“En definitiva, reclamamos traballo real en favor do noso deporte, con actuacións concretas e partidas económicas que, sen dúbida, serven de moito máis que fotos en entrega de premios en eventos nos que o Concello non só non prestou ningún apoio senón que os seus promotores tiveron dificultades para levalos a cabo polo mal estado das instalacións deportivas”, rematan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *