A praia de Rodeira de Cangas.

Os populares presentan unha moción no vindeiro Pleno para rescatar os areais de Cangas do abandono provocado polo rexeitamento do goberno ás Bandeiras Azuis

O Partido Popular de Cangas presentará unha moción no vindeiro Pleno da Corporación para esixir ao goberno local un compromiso real que frene o progresivo deterioro que sofren as praias do municipio. A iniciativa pon sobre a mesa o desmantelamento dos servizos nos areais dende que o tripartito decidiu prescindir dos distintivos das Bandeiras Azuis.

Para o grupo maioritario da Corporación, a renuncia a este distintivo baixo a escusa de que «non achegaban nada» foi, en realidade, unha coartada do goberno tripartito para deixar de cumprir cos estándares de calidade e recortar servizos esenciais. «O tempo deunos a razón. Tristemente, as nosas predicións cumpríronse: o servizo de socorrismo non se prestou en moitos areais e a información sobre a calidade da auga brillou pola súa ausencia», sinalan.

Un dos puntos clave da moción céntrase no servizo de salvamento. A formación esixe no seu primeiro acordo que o goberno municipal recupere a contratación directa dos socorristas e deixe de externalizar o servizo. O PP denuncia a flagrante contradición ideolóxica do executivo de esquerdas: «É un exemplo máis da absoluta incoherencia de quen se autodenomina defensor do
sector público, pero á hora de gobernar privatiza un servizo tan vital coma a seguridade nas nosas praias».

A proposta dos populares tamén conecta o estado das praias coa nefasta xestión do ciclo da auga, unha fronte aberta na que a formación xa vén denunciando o descontrol municipal. Nesta liña alertan de que as verteduras de augas residuais e a contaminación nos contornos dos areais son unha constante.

Por iso, o texto esixe no seu segundo punto que o BNG e os seus socios obriguen de xeito inmediato á empresa concesionaria a realizar unha posta a punto integral dos bombeos e da rede de sumidoiros próxima á costa. «O goberno non pode seguir carecendo de contundencia nin sendo cómplice das deficiencias da empresa mentres os nosos contornos costeiros sofren verteduras continuadas», advirten desde o PP.

Finalmente, a moción reclama que o Concello estableza de forma obrigatoria espazos de información actualizados en todas as praias sobre a situación do areal e a calidade da auga para o baño. «Estamos a tempo de corrixir esta tendencia de abandono, pero fai falta vontade e un compromiso real do goberno para recuperar os servizos de calidade que sempre se viñeron prestando en Cangas», conclúe o concelleiro popular.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *