Cada verán o conxunto do municipio de Cangas e de xeito moi particular da parroquia de Hío viven graves problemas de mobilidade ao multiplicarse o número de persoas que recalan na vila para disfrutar dalgunha das súas praias. Unha situación que repercute de xeito negativo na veciñanza que chegan a vivir situacións surrealistas como quedar atrapados nas súas propias casas. Desde o PP de Cangas sinalan que non é un problema novo. Tampouco as promesas de solventalo no medio e longo prazo sen que nos últimos anos se viviran avances de ningún tipo.
Nesta liña os populares recordan o “PMUS fantasma” que nunca chegou a ser presentado ao pleno no mandato anterior polas “evidentes deficiencias e o incompleto do documento”. “A veciñanza está cansa de promesas, de parches e da improvisación dos últimos anos e que tamén é a marca inconfundible do actual equipo de goberno local” afirman. Por iso presentan unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Corporación na que instan ao Goberno municipal a cumprir os acordos plenarios así como a elaboración e aplicación urxente dun Plan de Tráfico para a parroquia de Hío en consenso cos colectivos veciñais, grupos políticos e demais colectivos afectados.
Recordan o grupo maioritario da Corporación recorda que xa nos anos 2020, 2021, 2022 e 2023 presentaron mocións nesta liña. “Pero como acontece sempre o Goberno fixo oídos sordos e pasaron do tema” critican. “Levamos mes e medio escoitando as denuncias da veciñanza e nos medios de comunicación da actuación do goberno do BNG e seus socios que anuncian ocurrencias improvisadas sobre a marcha, sen a debida planificación e sen explicar como van a executalas” explican, “utilizando a parroquia e aos seus veciños e veciñas como banco de pruebas dos seus experimentos cunha falta absoluta de diálogo cos afectados” engaden.
“Lamentablemente, un ano máis e nada novo baixo o sol. Outro ano perdido no que seguimos sen saber nada do PMUS e no que só foron quen de poñer Mobilidade ao nome dunha concellería pero sen ningún contido” reflexionan. “Pasará este verán, volverán a meter este tema no caixón, e o ano que ven repitiremos a mesma historia para desesperación da cidadanía, cal día da marmota” continúan. “Con todo, desde a nosa formación seguiremos insistindo nun dos problemas máis graves que ten a nosa vila e un os seus maiores desafíos de futuro” rematan.