Estado no que quedó o Camiño do Enxerto.

Os populares consideran «un insulto» que o tripartito presuma da obra en Darbo como un fito cando deixou a vía destrozada tras renovar o saneamento

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe o lamentable estado no que o goberno local deixou o Camiño do Enxerto, na parroquia de Darbo. Tras dar por finalizadas as obras de renovación do saneamento e abastecemento, o executivo omitiu por completo a reposición do firme, deixando a vía en pésimas condicións.

Para a formación popular, resulta un «insulto á veciñanza» que o goberno presuma desta actuación como un dos fitos do seu mandato. «Os residentes non entenden que se dean as obras por rematadas deixando as cousas a medias e a estrada peor do que estaba», sinalan desde o PP.

Sobre as recentes declaracións do goberno local nos medios de comunicación criticando á empresa concesionaria, o Partido Popular ironizou con esta repentina indignación. Para os populares, é evidente que o tripartito non reacciona porque a empresa incumpra as súas obrigas, senón polo impacto que estas continuas chapuzas teñen na súa propia imaxe.

Ademais, desde o PP advirten de que o executivo local admite implicitamente a súa complicidade coa concesionaria cando xustifican que non dixeron nada ata o de agora para «manter unha boa relación» coa empresa. «Iso é exactamente o que vimos denunciando todo o mandato: submisión á UTE e mirar para outro lado mentres sementan os viarios municipais de pegotes de cemento», denuncian.

O grupo maioritario da Corporación esixe ao goberno de Araceli Gestido que pase das palabras aos feitos e active, dunha vez por todas, os instrumentos legais ao seu alcance para obrigar á empresa a cumprir coa normativa. Neste sentido, lembran que este mesmo goberno incumpriu sistematicamente os acordos plenarios, como aquel que lle daba o mandato directo de expedientar á concesionaria polas constantes verteduras de augas fecais ao mar.

Solicitude de expedientes

Ao considerar estas queixas públicas unha simple «cortina de fume», o a formación anuncia que solicitará o acceso a todos os expedientes relativos aos requirimentos realizados polo Concello á empresa no eido da reposición de firmes. «Moito nos tememos que, ou ben non nos contestarán vulnerando a súa obriga legal, ou ben recoñecerán coa boca pequena que eses expedientes de exixencia nin sequera existen», afirman. A pasividade actual só provocará que o sobrecusto de arranxar estes viarios recaia de novo no peto da veciñanza e non en quen incumpre.

Ocultismo e mentiras

Nesta mesma liña de descontrol, o Partido Popular sinala que resulta gravísimo que, despois de meses ocultando información ou directamente mentindo sobre o depósito de Ourelo, o goberno veña agora a sinalar á empresa. Os populares lembran que o tripartito segue sen contestar ás múltiples peticións de información realizadas pola formación e polos colectivos veciñais sobre o episodio de contaminación da auga. «O Concello é o titular do servizo e a súa obriga é supervisar e controlar a actuación da empresa, algo que queda en evidencia que non están a facer en absoluto», sentencian.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *