O PP reclama que o Goberno de Vilaboa encargue unha auditoría para fiscalizar os gastos por valor de 660.000 euros que gastaron “sen control, nin facturas, e de xeito ilegal” entre 2003 e 2009, tal e como desvela o informe de intervención da liquidación do orzamento do ano pasado. Unha situación que os populares califican de «moi grave e ilegal». Xa a propia interventora, explican, indica no seu informe que é unha situación de nulidade de pleno dereito pagar facturas sen consignación orzamentaria. «É un delito, e aínda máis grave facelo sen factura, sen control de gasto nin de xustificante», censuran dende o grupo municipal popular.
Ese informe de intervención, din, desvela que entre os anos 2003 e 2009 fixéronse pagos por importe de case 660.000 euros sen ningún tipo de control nin fiscalización. Son pagos feitos sen asignación orzamentaria e que están pendentes de aplicación definitiva, e que agora se recollen na liquidación do ano 2021. “Son pagos realizados neses anos sen seguir o procedemento normativo obrigatorio, isto é, ignorando as fases orzamentarias e por tanto o trámite de control interno”, sinala o informe.
A interventora chama a atención sobre que en 2003 o saldo deudor era de 817,47 euros, e foi incrementándose ata “alcanzar unha suma inxente” de 659.315,91 euros en 2009. “Que pasou entre 2003 e 2009? En que gastaron eses cartos sen ningún tipo de control nin fiscalización? Cartos de todos os veciños de Vilaboa. Non se sabe nin para que, si se fixeron os servizos ou non, nin quen gastou os cartos, nin sequera hai control de si se pagaron unha ou incluso varias veces… Non hai control nin responsabilidade de ningún tipo”.
Por iso, desde o PP esixen que “ante unha situación desta gravidade e ilegal, é urxente que o Goberno local encargue unha auditoría para aclarar a situación. Non se adxunta nin xustificante de gasto nin documento algún, tampouco referencia a un número de expediente, a única información que se dispón son abreviaturas. “É diñeiro público, dos veciños de Vilaboa, e teñen dereito a saber en que o gastou este Goberno. Que fixo con el, non son partidas menores, supón practicamente o 18% do orzamento anual deste concello”. Deben dar conta, manifestan, e non esconderse máis.