O PP de Pontevedra reivindicou “o traballo dos profesionais que fan hoxe de Galicia unha potencia cultural, desde eidos como o cinema, a artesanía ou a música”, poñendo o foco en iniciativas como o FIC Bueu, con cuxo equipo directivo mantiveron unha xuntanza. “É profundamente frutífero que poidamos ter este diálogo permanente cos sectores culturais, no que seguir a coñecer de primeira man as súas demandas, tal e como leva facendo a Xunta de Galicia durante anos”.
Así o expresaron os populares nunha visita da Comisión de Cultura do PPdeG, presidida polo coordinador deste eido, Daniel Chapela, ás mámoas de Castiñeiras, o Museo Massó e a unha reunión co FIC Bueu, na que tamén estiveron acompañados polo presidente provincial do Partido Popular, Luis López, a voceira do PP local, Elena Estévez, e o director da AGADIC, Jacobo Sutil, quen tamén é membro da Comisión. Segundo resaltaron, “a Xunta de Galicia traballa arreo na cultura galega, do que é unha mostra clara o investimento que se vai facer nestes anos na vila de Bueu”. “Antes de finais de 2023, a Xunta acometerá a ampliación do Museo Massó, un proxecto que xa está na fase de licitación da redacción do proxecto e que suporá unha achega de máis de 1,1 millóns de euros”, subliñou López Diéguez, aludindo tamén ao investimento de máis de 200.000 euros na creación da sala arqueolóxica do Bueu romano.
O futuro cultural de Bueu
Durante a visita, os populares esixiron que “o goberno de Félix Juncal empece a crer na cultura como un dos eixes de creación de emprego e de mellora da calidade de vida da veciñanza”. Así, reivindicaron “o valor da cultura para xerar emprego e fixar poboación, un factor, pois, a ter en conta nun concello que caeu por baixo dos 12.000 habitantes por primeira vez no século”.
Dese xeito, a voceira popular, Elena Estévez, destacou “o potencial da vila como un dos núcleos culturais de toda a provincia”: “temos o museo do mar máis importante de toda Galicia, uns colectivos con forte interese en desenvolver a nosa cultura e grandes referentes en eidos como o cinema, tal e como demostra o traballo do FIC Bueu”.
Así, Estévez fixou varias tarefas pendentes do goberno local, entre as que destacou “a necesidade de que se realice unha programación máis ampla e variada durante todo o ano, non só no verán”, pois “actualmente non existe
iniciativa por parte de BNG e ACB durante o resto do ano, alén de deixar facer
aos colectivos pola súa propia conta, tal e como demostra que nunca haxa
novas propostas nas comisións informativas”. “Vivimos ano tras ano diante do
mesmo guión”, aseverou.
Xa que logo, reivindicou “un xiro de temón e unha nova política de xestión dos
nosos espazos patrimoniais”. “Tal e como conversamos hoxe co conxunto da
Comisión de Cultura do PPdeG, a promoción do noso patrimonio é unha das
grandes tarefas pendentes de Félix Juncal logo de 15 anos de mandato”,
sinalou, subliñando que “a día de hoxe boa parte dos bens patrimoniais como
as mámoas de Castiñeiras ou a ruta dos muíños do Canudo son inaccesibles
pola maleza, tendo a súa cartelería ilexible e sen accións por parte da
Concellería de Patrimonio para a súa posta en valor”.