O paseo do Con cortado ao tráfico.

“Se esta grave situación fora responsabilidade da Xunta habería manifestacións e pancartas, pero como se trata dunha administración gobernada polo PSOE, a alcaldesa agocha a cabeza e actúa con covardía, polo que está totalmente deslexitimada”, sinala Piñeiro

O grupo municipal do PP de Moaña vén de responsabilizar exclusivamente a alcaldesa, Leticia Santos, da grave situación que padecen o miradoiro do Fiunchal e o vial do Con, cuns afundimentos que xeran un importante risco de accidente, e de abandonar totalmente aos veciños por non esixir “de verdade e con forza” o seu arranxo a Costas do Estado, que é entidade titular destes espazos.

Os populares indicaron que esta “vergoñenta situación” prolóngase desde hai seis anos sen que o goberno do BNG sexa quen de conseguir unha solución e advirten de que, en caso de que se produza algunha incidencia, reclamarán a depuración de responsabilidades políticas e recurrirán a todas as vías posibles para que tanto a alcaldesa como Costas respondan pola súa neglixencia.

O voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, cre ademais que o peche do miradoiro do Fiunchal e os importantes afundimentos nesta estrada do Con “demostran ben ás claras que Moaña non conta cunha alcaldesa e cun goberno para todos os veciños, senón cun executivo sectario que non se adica a xestionar o Concello senón a facerlle oposición ao PP e ás administracións gobernadas polo noso partido porque viven inmersos na máis absoluta xenreira malia ter esta grave situación diante dos seus ollos”.

“Se esta grave situación fora responsabilidade da Xunta habería manifestacións e pancartas, pero como se trata duns feitos que debe resolver unha administración gobernada polo PSOE, a alcaldesa agocha a cabeza e actúa cunha covardía política indigna da suposta máxima representante dos moañeses, polo que consideramos que está totalmente deslexitimada”, sinalou o concelleiro popular.

O edil do PP considera que as esixencias da rexedora para o arranxo do Con “son coa boca pequena” e inclúen unha visita periódica “para facer unha fotografía e facerse a preocupada”, pero realmente admite, co seu consentimento e febleza, que Costas do Estado “se ría unha e outra vez dos moañeses desde hai seis anos”. “Ao igual que a súa xefa Ana Pontón, Leticia Santos ponse moi brava contra o PP e moi mansiña, ata rozar o ridículo e a covardía política cando ten enfronte ao PSOE malia que iso, como neste caso, prexudique aos moañeses”, advertíu.

Finalmente, Piñeiro adiantou que o PP vai seguir reclamando, incluso con novas iniciativas plenarias, que o Goberno de España adopte unha solución definitiva, efectiva e urxente ao vial do Con e a toda a contorna do miradoiro do Fiunchal e demandará que o goberno nacionalista mude a súa actitude e defenda os intereses xerais de Moaña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *