Os populares lamentan a deixación de funcións do goberno local no mantemento de espazos municipais e o risco para os participantes por cuestións de saúde pública, polo que lle esixen a retirada inmediata desta actividade e se reservan posibles accións
O Partido Popular de Moaña quere manifestar a súa absoluta indignación ante unha situación insólita, insostible e profundamente irresponsable por parte do goberno municipal do BNG, xa que pretende que rapaces e rapazas de entre 8 e 18 anos realicen tarefas de limpeza na praia da Xunqueira, un espazo público que leva meses denunciado polo seu abandono e, o que é máis grave, pola presenza dunha praga de ratas.
Baixo o título Volea na túa praia, o Concello promove unha actividade supostamente lúdica que comeza cunha limpeza da praia. Desde o PP considérase isto un despropósito absoluto e unha mostra de caradura política sen precedentes, xa que é inaceptable que un goberno incapaz de asumir as súas obrigas mínimas de mantemento, delegue nos máis novos un traballo que lle corresponde aos servizos municipais, máis aínda cando se trata dunha zona en situación de risco sanitario.
“Non só falamos de explotación encuberta, senón tamén de posible neglixencia grave, ao expoñer a menores nun espazo con denuncias reiteradas de insalubridade, pragas e abandono. Mentres tanto, o Concello afonda no desleixo e a improvisación e pretende maquillar a súa inacción coa colaboración desinteresada da mocidade, sen rubor ningún”, lamentou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.
Para o PP de Moaña, neste caso hai moitas cuestións sen resposta, como se a política xuvenil do BNG pasa por facer que a mocidade limpe o que o Concello abandona ou se os protocolos de seguridade e saúde pública están activados para unha actividade destas características. “Baixo a pancarta, o micrófono e a confrontación constante, o Bloque de Moaña agocha un goberno que leva todo o mandato eludindo as súas obrigas básicas”, apostillou o concelleiro.
Para o PP local, a situación da Xunqueira non se arranxa con eventos publicitarios, senón con traballo real, planificación e respecto pola veciñanza, posto que a responsabilidade do mantemento dos espazos públicos non é dos nenos, é do Concello.
Por elo, desde o PP se esixe a retirada inmediata desta actividade en tanto non se garanta a seguridade e a salubridade da zona, e se advirte de que non descarta accións legais ou doutra índole se se confirma que se está poñendo en risco a saúde dos participantes.