O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar á alcaldesa, Leticia Santos, de “falta de respecto e de rirse” dos veciños, que están moi enfadados pola suba brutal e unilateral da taxa do lixo para o ano 2026, por convocar asambleas abertas do BNG orientadas exclusivamente aos seus militantes e simpatizantes para abordar esta grave problemática e evitar as reunións coa veciñanza.
“O Bloque decidíu este incremento desproporcionado sen falar coa xente, nin cos colectivos, cos que só accedeu a reunirse a reganadentes coa política de feitos consumados sobre a mesa, e agora, cando viron as orellas ao lobo porque Moaña e o Morrazo están que trinan con eles, seguen negándose a rectificar, frear a modificación da ordenanza e a dialogar coa xente, co pobo, e se limitan a buscar o aplauso dos seus e a que haxa xente entre os seus siareiros que lles xustifique este atraco”, manifestou o voceiro popular, Alfonso Piñeiro.
O concelleiro popular cre que esta iniciativa do BNG “é promocional e de pura propaganda” para buscar excusas e mentiras coas que tentar explicar e convencer sobre esta suba da taxa do lixo –do 90% para as vivendas e de ata o 600% para os negocios e pemes–. “Demostran de novo, tal e como vimos denunciando todos estes anos, o seu sectarismo extremo, porque para eles só merecen explicacións os militantes do BNG. Preguntámonos porque non convocan unha asamblea aberta, pero de verdade, para todos os veciños de Moaña. E só nos atopamos a explicación, sabida por todos e que aplican a todos os asuntos, de que en realidade non gobernan Moaña, só gobernan para o BNG”, sinalou o edil do PP.
Ademais, os populares moañeses tampouco entenden o motivo de que, de súpeto, o BNG convoque estas asambleas para os seus afíns agás que sexa para a busca da autocomplacencia e para escapar totalmente da autocrítica fronte á unánime resposta contraria dos veciños. “O único que pretenden é fortalecer o seu círculo de palmeiros e que lles digan que o están a facer estupendamente, debe ser que están acomplexados pola forte contestación veciñal, porque esa asamblea non ten outro sentido dado que Leticia Santos xa deixou claro que a suba non tiña volta atrás”, indicou Piñeiro, que replicou que, malia estas manifestacións da alcaldesa, o PP de Moaña e do resto da comarca vai tentar frear esta suba desproporcionada por todas as vías políticas e administrativas.