O Partido Popular de Moaña celebrou onte á noite unha nova xuntanza de traballo de cara ás eleccións municipais do 28 de maio deste ano e avanzou na conformación dunha candidatura ampla e forte “que sirva para presentar a alternativa de goberno que lle queremos ofrecer á veciñanza e que desexan os moañeses”, segundo sinalaron os representantes do PP local.
O encontro, ao que asistiron os membros do Comité Executivo Local, concelleiros e os militantes que colaboran a cotío, tamén contou coa presenza do presidente provincial do PP, Luis López; a secretaria xeral, Luisa Piñeiro; e a coordinadora comarcal para O Morrazo, Elena Estévez. “Viñemos a escoitar, a aconsellar e a apoiar as decisións que tome o PP de Moaña, porque sempre cremos na autonomía local e que as agrupacións son as mellores coñecedoras do seu territorio. Por iso, foi moi froitífero ver como houbo un debate moi san, cun ánimo moi construtivo, no que se abordaron as mellores solucións, tanto de persoas como de proxecto, para tentar gañar as eleccións municipais, que é unha cuestión coa que nos sentimos moi comprometidos, posto que somos un partido gañador, que está convencido de que o noso proxecto é o mellor para Moaña e porque os veciños precisan e ansían a nosa alternativa ante o desgoberno actual do BNG”, manifestou Luis López.
O presidente provincial aclarou que agora mesmo o PP de Moaña “atópase nun punto moi interesante de cara ao proxecto que lle imos presentar á veciñanza durante os vindeiros meses e non se trata tanto dun nome concreto, como de ofrecer un plan de goberno completo e diferente ao que lamentablemente sufren agora os veciños de Moaña”.
En todo caso, deixou claro que en Moaña “temos moita sorte porque temos moita xente implicada co PP e co futuro deste municipio, tal e como puidemos comprobar onte á noite, e dispoñemos de distintas opcións tanto para encabezar a lista como para completar os postos fortes da candidatura e é algo que non poden dicir os demais partidos tanto en Moaña como en moitos outros municipios”.
“Agora agardamos, coa xenerosidade e a unidade coa que están a actuar os militantes do PP de Moaña, que acaben de encaixar as pezas e acorden quen encabeza a lista e quen ocupa os postos de maior responsabilidade, pero a verdade é que, coas distintas alternativas que hai, todas elas moi boas e que por motivos obvios non se poden desvelar polo momento, estamos moi tranquilos. Porque ademais cremos firmemente en como están a avanzar en Moaña, xa que non se trata só de quen é o candidato, porque por moi bo que sexa, un só nunca pode gañar unhas eleccións, senón máis ben de construír un proxecto completo e global para Moaña, no que todos sexan importantes, que dea resposta a todo o que precisa a cidadanía e que estea configurado para obter o maior respaldo electoral”, explicou Luis López, que admitiu que este proceso “ten unha dobre vertente, xa que, por un lado, está a ser moi froitífero, aínda que é certo que leva un chisco de retraso, pero cremos que paga a pena porque do que se trata, sobre todo, é de acertar polo ben de Moaña”.
Pola súa banda, os representantes do PP de Moaña, que agradeceron a presenza e respaldo dos dirixentes provinciais, explicaron que este período de construción global do seu proxecto, no que o cabeza de lista só é un elemento, aínda que coa súa lóxica importancia, “é un proceso que sempre comeza con certas e lóxicas reticencias, pero a medida que avanza, dado que todos defendemos o interese común do PP e de Moaña, está sendo cada vez máis positivo”.
Con todo elo, os membros do PP local explicaron que agardan resolver moitas cuestións, entre elas o nome do/a candidato/a, no prazo máis breve posible para pasar a unha seguinte fase, pero sen marcarse ningunha data límite “porque estamos indo polo bo camiño, as présas non son boas e queremos dar pasos firmes cara adiante, posto que temos unha responsabilidade enorme, xa que somos a única alternativa ao actual desgoberno do BNG e os moañeses, nun exercicio propio de democracia, teñen que atoparse distintas opcións serias e rigorosas de goberno na votación do 28 de maio”. Neste senso, lembraron que nas últimas eleccións, as autonómicas de 2020, o PP foi a forza máis votada en Moaña con case 4.000 papeletas e o 38% dos apoios, “polo que temos que renovar e ampliar esa confianza dos veciños nas nosas siglas e no noso proxecto, que constitúe a única esperanza para que haxa un cambio de rumbo necesario e imprescindible no noso concello”.