Critica a falta de mantemento e limpeza dos areais e o seu entorno. Acusa ao goberno local de recortar servizos

O Partido Popular de Cangas fai falance da xestión realizada polo goberno liderado por Araceli Gestido nas praias do municipio calificando a súa actuación de “caótica” e acusando ao tripartito de aplicar recortes nos servizos que se prestan nos propios areais. “Un ano máis se volve a repetir o mesmo que nos últimos anos cunha actuación marcada pola improvisación como demostra o despregamento do servizo de socorrismo por fases sen que foran cubertos os seis areais que dispoñen del ata mediados do mes de xullo” denuncian. “Algo que tamén estamos a observar no peche da campaña de verán no que xa foi retirado este servizo en tres dos seis areais dende o pasado 3 de setembro, cando o habitual noutros anos e en concellos da nosa contorna e que se manteña durante este mes” sinalan. “Tamén se volveu a repetir o que en Cangas xa parece tradición: contratar a patróns para este servizo que a pesar de incorporarse o 1 de xullo non contaron con embarcación ata mediados do mesmo mes” continúan. “A isto se suma os problemas de funcionamento das duchas que estiveron fóra de servizo en diversos momentos do verán, fontes que tampouco funcionan ou deficiencias nos baños como foi o caso do aseo adaptado da praia de Rodeira que non permite pechar a porta dende dentro ao usuario facendo imposible contar cun mínimo de intimidade” enumeran. Dende o grupo municipal critican que se volveran a repetir os recortes no servizo de socorrismo, “un servizo básico de seguridade e atendemento aos usuarios como quedou de manifesto na súa actuación este ano evitando o afogamento dunha muller en Rodeira” destacan. “Se comparamos co 2014 (último verán cun goberno do Partido Popular) Cangas sufriu o recorte do servizo de salvamento en 4 areais así como unha embarcación menos na Ría de Aldán” explican, polo que consideran que “unha vez máis este goberno volve a deixar de manifesto cales son as súas auténticas prioridades. Primeiro os seus soldiños e despois xa veremos”.

Vertidos

Os populares sinalan cos episodios de vertidos de augas fecais foron outro dos puntos negros da xestión municipal “poñendo en risco a saúde das persoas e danando a imaxe do noso municipio como destino turístico. Un sector o do turismo, do que depende unha parte importante da economía do noso concello”. “Neste sentido temos que denunciar a falta de transparencia do goberno da sra. Gestido que todavía hoxe non contestou a ningunha das preguntas formuladas polo noso grupo municipal deixando patente cos seus chamamentos de diálogo e entendemento son só a fachada coa que quere ocultar a opacidade e oscurantismo coa que están a xestionar o Concello”.

Máis preguntas

O PP anuncia unha nova batería de preguntas para co goberno explique a xestión realizada nas praias e no servizo de socorrismo así como o acceso ao informe de Adeac da inspección realizada este verán ás praias así como o de coordinación do servizo de socorrismo. “Queremos saber ata que niveis chega a pasividade do goberno municipal na subsanación das deficiencias dos nosos areais” rematan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *