O concelleiro popular de Bueu, Suso Piedras, lembra que “esta é fundamental para que persoas con mobilidade reducida poidan acceder aos areais”, ao tempo que destaca que “no prego de condicións do servizo de socorrismo facíase constar que o Concello incluía unha nese areal”. “Como Administración Pública, desde o Concello debemos facilitar que todas as persoas, independentemente da súa situación física, poidan acceder aos nosos areais”. Así de claro se amosou o edil popular a respecto do que, para el, é unha necesidade básica nos areais de Bueu: a existencia de cadeiras anfibias para as persoas con mobilidade reducida.
Así, este salientou que o propio Concello daba puntos ás empresas que se presentaron para facerse co contrato de socorrismo se achegaban este enser ás praias de Area de Bon, Lagos e Lapamán –a concesionaria non o ofertou–, oferta que se complementaba con dúas cadeiras do Concello, unha na Banda do Río e outra en Portomaior. Con todo, Piedras explicou que nestes últimos días houbo queixas de usuarios do areal de Cela, ao explicarlles os socorristas que non contaban con ese servizo polo estado da cadeira.
Dese xeito, o popular solicitou que “se poña a disposición dos asistentes á praia este ben, sexa mediante aluguer ou mediante a compra urxente”. “No caso de que non sexa viable para este verán, é importante que o Concello se poña xa a facer as xestións para contar con ela antes do vindeiro verán”, sinalou, animando a que “xa que na actualidade contamos cun concelleiro delegado en Subvencións e unha en Turismo, traballen da man para obter unha axuda pública e contar co servizo no 2024”. “É fundamental que traballemos para acadar tamén a igualdade nestas pequenas cousas”, concluíu.