Tótems que propón o PP.

O PP de Bueu insta ao goberno local a instalar un novo sistema de cartelería dixital –tótems tecnolóxicos– nas diferentes parroquias do municipio co obxectivo de trasladarlle á cidadanía, eficazmente, información de interese. Así o propondrá no próximo pleno ordinario da corporación que terá lugar no mes de xullo que o luns dictaminarase na comisión.

A día de hoxe, din, estase a erradicar a cartelería en papel como medio para dar a coñecer distintas actuacións do Concello. Así, apóstase por empregar as redes sociais ou as noticias na prensa. Porén, desde o Partido Popular entenden que estas alternativas «non son suficientes», á vista de que boa parte da poboación recoñece non ter coñecemento das actividades e campañas que se organizan desde o Concello e colectivos.

En consecuencia, cren que se deberían diversificar as vías de comunicación, para informar e chegar á cidadanía por outros medios. Por iso, pensan que sería precisa a colocación de tótems tecnolóxicos que tivesen unhas características específicas como ser adecuados para exteriores, ter unha pantalla de dobre cara e que o seu tamaño sexa o necesario como para poder ler a información con facilidade.

Loxicamente, consideran, os tótems deberán estar colocados no casco urbano e nas distintas parroquias, buscando puntos de tránsito e, á vez, de reunión da
veciñanza. Buscando a máxima optimización da comunicación, estarán
xestionados desde o Concello e neles informaríase á veciñanza de toda a programación cultural, actos deportivos, campañas de concienciación (igualdade, saúde etc.), liñas de axudas do Concello e das outras administracións, información turística, teléfonos de interese etc.

Deste xeito, lograríase reducir a impresión da tradicional cartelería, conseguindo, por unha banda, o aforro de recursos públicos de maneira notable (papel, impresión, colocación, retirada etc.) e, por outra banda, diminuír o impacto medioambiental do municipio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *