Con motivo da moción de rexeitamento ós parques eólicos presentada polo BNG na sesión plenaria de xaneiro e na que o PP de Bueu votou en contra, no debate da moción a portavoz do grupo municipal popular ,Elena Estévez, adiantou a petición que fixeran por Rexistro para que o Alcalde valorase a creación dunha Mesa de Traballo onde estivesen representados os voceiros, representantes das Comunidades de Montes e da Plataforma contra os eólicos e que mesmo se remitise invitación a Dirección Xeral de Planificación Enerxética, dependente da Consellería de Economía, para que poidesen designar un técnico ou responsable con coñecementos na materia e así poder «recabar e contrastar toda a información en relación coa implantación de parques eólicos na comarca do Morrazo».
A resposta do alcalde, din Estévez, non se fixo esperar e xa «no día seguinte nos contesta, por suposto negándose a esta posibilidade, o que ven a demostrar que o qué realmente lle interesa ao goberno neste tema é xerar polémica e quentar motores de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro ano”.
A líder popular de Bueu recorda que «xa no pleno o voceiro do BNG, Xosé Leal, acusounos de estar mareando a perdiz con esta proposta”. «Con esta expresión non sabemos si o voceiro lle pudo o subconsciente e dixo realmente o que significan para eles estas mesas de diálogo que non é para outra cousa que, precisamente, para marear a perdiz e para facer que fan”, sentenza Estévez, e pon como exemplo «a comisión de seguemento da Banda do Río, a Mesa de Diálogo do Mar que tivemos no mes pasado, etc». «Ou queren dicir que se as mesas de diálogo e de traballo non se plantexan polo BNG entón é perda de tempo pero se fosen eles os autores da proposta estariamos falando de consenso, transparencia, diálogo coa veciñanza e non sei cantas cousas máis. A dobre vara de medir da que fan gala en tantas ocasións» engade.
A pesares de que non consta a día de hoxe ningunha proposta presentada para implantación dun parque eólico en Bueu, como eles mesmo recoñecian no texto da moción e que non se poderán presentar proxectos durante ano e medio por unha norma aprobada polo Parlamento de Galicia a inciativa da Xunta, «ao goberno de Bueu non lle interesa a creación desta Mesa onde poder traballar para ter maior información e poder facer o seguimento a calquera proposta que se poida plantexar». «É bastante descarada a súa mensaxe de que están dacordo coas enerxias renovables, que apostan pola enerxía eólica pero non queren os muiños de vento no noso concello e si recollen no PMUS a creación de minieólicos no propio Porto de Bueu. As contradicións do goberno unha vez máis quedan retratadas», reprocha.