A alcaldesa recibiu de man do deputado Javier Tourís o estudo sobre o potencial enerxético do municipio, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, que será a encargada de realizar o proxecto a través do programa provincial “Concellos +Renovables”
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Manuel Santos, Marián Sanmartín e Pablo Novas, recibiron na Sala de Xuntas do Concello ao deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, que fixo entrega ao municipio do estudo sobre o potencial enerxético de Marín no que respecta ás enerxías renovables.
O estudo enmárcase no traballo que está a desenvolver a Oficina de Transformación Comunitaria + Renovables da Deputación de Pontevedra (OTC_DEPO).
Como principais conclusións deste traballo, sae a radiografía actual evidente: que a nosa localidade a día de hoxe depende moito dos combustibles fósiles, polo que é preciso facer unha transición paulatina cara outras fontes enerxéticas máis sostibles. Ademais, destaca un dato interesante e que dá conta de Marín como municipio económicamente dinámico: a industria (sobre todo, a portuaria) supón o 48% do total do consumo eléctrico do municipio.
Tamén se destaca no informe a boa situación na que se atopa todo o termo municipal en relación ao potencial fotovoltaico. Ademais o potencial da enerxía xeotérmica e da eólica está en rangos moi favorables. Pola contra, o potencial doutras fontes como o é biogás non é tan intenso como nos concellos do interior da provincia.
Ademais, o deputado anunciou que se instalará unha planta fotovoltaica no Pavillón Municipal da Raña cunha potencia de 99,99 kWp con batería de almacenemento que xerará enerxía renovable destinada a cubrir a demanda do propio concello, destinando un mínimo do 10% desta enerxía ás persoas vulnerables residentes no entorno dos 2 km (aquelas que sexan beneficiarias do Bono Social Eléctrico). A actuación enmárcase no programa provincial “Concellos +Renovables”.