A concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, presentou xunto coa directiva da asociación este evento, que será este domingo e contará cun recoñecemento pola mañá e un festival musical pola tarde
Este domingo, o Museo do Mar de Marín organiza a súa tradicional homenaxe ás mulleres e homes do mar, unha actividade que foi presentada esta mañá no Museo do Mar pola directiva da entidade e a concelleira Marián Sanmartín.
Ás 12.00 horas, será o primeiro acto na dársena portuaria do Paseo Alcalde Blanco, cun recoñecemento ao traballo de Raimundo Santiago García, redeiro de Marín que desenvolveu toda a súa traxectoria na vila.
Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, será o Festival da Memoria do Mar na Alameda Rosalía de Castro, onde tal e como se fixo noutros anos proxectaranse videos das persoas homenaxeadas, ás que despois se lles entregará un agasallo conmemorativo. A gala estará acompañada pola Coral Lembranzas de Marín e a de Voces Amigas de Moraña.