O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, contrapuxo, nun encontro cos representantes populares dos catro concellos do Morrazo, a “forte aposta” do Partido Popular polos Servizos Sociais desde a Xunta de Galicia, cunha achega anual de 11,1 millóns de euros para estas atencións nestes municipios, fronte á “pobreza social” na atención a maiores, dependentes e familias do modelo BNG.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra, acompañado pola secretaria xeral, Luisa Piñeiro, centrou no contido social a súa reunión de traballo coas candidatas morracenses dos populares, Loli Hermelo e Iria Charlín, os catro responsables locais, José Enrique Sotelo, Javier Carro, Elena Estévez e María Ramallo, e os 35 concelleiros do PP na bisbarra.
“Os cidadáns teñen que saber que o 18 de febreiro teñen que elixir entre dous modelos de atención social, a que desprega o PP consolidando e ampliando servizos e orzamentos, e o que desenvolve o Bloque, que se pode ver aquí no Morrazo, xa que os tres concellos con alcaldes nacionalistas teñen a 289 persoas en lista de agarda no Servizo de Axuda no Fogar, que son bastante máis que as 223 atendidas”, explicou Luis López, que alertou de que esta precariedade no eido social pódese estender a toda Galicia se os nacionalistas están no Goberno galego “polo habitual desleixo e abandono que amosan con estes colectivos”.
O presidente provincial do PP, que anunciou que os populares seguirán incrementando estes investimentos sociais nos catro concellos do Morrazo se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta de Galicia, presentou un cadro informativo coas distintas partidas das liñas desta materia das que se benefician os municipios desta bisbarra.
Luis López detallou tamén que os novos Bonos Coidado, o de Fogar -cunha achega anual de 5.000 euros para persoas dependentes- e o de complemento de Residencia -cifrado en 1.200 euros-, xa están a beneficiar desde este mes de xaneiro a 686 morracenses, dos que 225 son de Cangas, 145 de Moaña, 114 de Bueu e os 202 restantes de Marín. Ademais, a gratuidade nas escolas infantís permite financiar un total de 1.107 prazas na comarca morracense.
Así, o presidente provincial puxo en valor que as políticas sociais e os fortes investimentos nesta materia impulsados polo PP desde a Xunta “permiten atender do mellor xeito e coa máxima calidade aos 2.249 veciños do Morrazo que máis o necesitan e a cifra aínda podería ser superior se os nacionalistas fixeran os deberes, xa que teñen a preto de 300 veciños en agarda pola Axuda no Fogar”. “O 18 de febreiro temos que elixir entre dous modelos claros, porque o que é medible non é opinable, un de apoio decidido aos maiores, dependentes, cativos familias e persoas en risco de exclusión sostido polo PP grazas ás políticas lideradas por Alfonso Rueda e un de abandono e pobreza social protagonizado polo BNG, que se exemplifica no Morrazo coas insoportables listas de espera do SAF nos municipios gobernados polo Bloque”, concluíu López.