A antiga ‘Copa Galicia de dornas a vela’ recupérase co nome ‘ Corpa Mörling’ en agradecemento ao sueco amante das embarcacións tradicionais desde a súa chegada a Bueu e ata o seu finamento en 2020
Fillo adoptivo de Ons en 2006, titular dunha rúa en Bueu e, agora tamén, protagonista da extinta ‘Copa Galicia de dornas a vela’ que se recupera rebautizada co nome de Mörling en recordo e homenaxe a Staffan Mörling, o etnólogo e antropólogo sueco afincado na vila morracense dende a súa xuventude e firme defensor ata a súa morte en 2020 das embarcacións tradicionais galegas. Precisamente, desde a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) queren poñer en valor o traballo que desempeñou ao longo da súa vida en prol da defensa destas dornas e que mellor que facelo renombrando a esta competición e dándolle vida tras máis dunha década sen celebrarse.
Segundo explicou o presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, na rolda de prensa de presentación realizada no Museo Massó de Bueu, este encontro de embarcacións tradicionais, que non só é «competitivo» senón que busca convivencia e a cooperación entre embarcacións e colectivos de diferentes partes de Galicia» terá lugar entre os meses de xullo e agosto. A primeira disputarase en Portonovo o 18 de xuño, a segunda en Cambados o 2 de xullo, O Grove o 30 de leste mesmo mes, A Illa de Arousa o 6 de agosto e a final será en Combarro o 274 de agosto. En total, cinco regatas dunhas dúas horas de duración cada unha, todas elas en horario de tarde fóra da última que se realizará pola mañá.
As cinco regatas previstas ao longo deste verán serán de tipo triangular e preto das radas de cada vila para, deste xeito, mellorar a visibilidade para o público desde terra. A ‘Copa Mörling’ terá un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, haberá un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. No caso de empate, as dornas faría un largo barlovento- sotavento para desempatar. Ao finalizar cada regata, haberá unha xornada de convivencia entre as persoas participantes.
Culturmar persegue, sobre todo, conseguir unha maior difusión entre o público xeral das dornas como patrimonio material e do seu xeito de navegar como patrimonio inmaterial, así como dar a coñecer para que se empregaban estas embarcacións profesionalmente e en que contexto xorden estas competicións informais.
Chamamento á participación da mocidade
Veteranos e principiantes fixeron un chamamento á participación de todos os amantes das embarcacións tradicionais e, especialmente, da mocidade para que a tradición manteñase. Uxío Allo, da Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa, un dos colectivos máis veteranos de Culturmar, fixo un chamamento á participación do máximo número de embarcacións e colectivos para axudar a medrar esta competición e “espallar a cultura mariñeira das dornas”. Pola súa banda, Iago Otero, da Asociación A Torre de Cambados, falou da importancia de “mimar e coidar as embarcacións” para manter a tradición. “A xente máis nova que nos gusta este mundo debemos buscar embarcacións que están desfeitas para darlles unha nova vida”, engadiu.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, comprometeuse a incluir a Bueu nesta ‘Copa Mörling’ nas futuras edicións e fixo un percorrido pola vida do «soco de Ons», como chamaban a Mörling os veciños de Bueu dende a súa chegada á localidade. Para Leal, este recoñecemento de Culturmar é unha forma de manter vivo o legado de Mörling».