Ante a ausencia hoxe de servizo de pediatría no centro de saúde de Moaña, o vindeiro luns volverán prestar asistencia de novo os dous pediatras. O problema, que desde o Sergas asegura que foi «puntual», veu provocado pola baixa laboral hoxe da pediatra que estes días estaba a substituír ao pediatra titular. «Unha causa imprevisible, que non se puido emendar», insisten desde a área Sanitaria de Vigo. Aínda así, aseguran que a asistencia pediátrica urxente ou inmediata «estivo garantida polo resto de profesionais do centro sanitario».
O centro de saúde de Moaña conta con 2 pediatras titulares. Neste momento, un deles está de vacacións e outro de baixa. Nos últimos días a dirección da Área Sanitaria conseguiu cubrir unha desas ausencias con un especialista substituto que é o que hoxe presentou a baixa.
A ausencia de pediatra durante o día de hoxe facíase saber ás portas do centro de saúde cun cartel informativo.