A Deputación leva o a performance co programa «Mulleres en Acción. Violencia Zero», protagonizada por Verónica Moar e a coreógrafa Rut Balbís
O programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra continúa a percorrer a provincia para concienciar desde a arte contra as violencias machistas. A acción titulada “O lugar da fenda”, protagonizada pola ceramista Verónica Moar e a bailarina e coreógrafa Rut Balbís, recalou hoxe no IES María Soliña de Cangas onde unha ampla representación do alumnado asistiu a esta nova cita coa arte comprometida e na que tamén estiveron a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a alcaldesa do municipio, Victoria Portas. Nesta edición do programa recupérase a artistas que estes anos axudaron a consolidar a proposta e xeraron alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. A bailarina e coreógrafa Rut Balbís xa participara na edición 2020- 2021 e agora faino en colaboración coa ceramista e creadora Verónica Moar.
“O lugar da fenda” é un diálogo performativo entre as protagonistas, un encontro único no que as dúas creadoras conversan desde os seus universos particulares, a cerámica e a danza, para crear unha atmosfera onde ambas se senten cómodas. O público asistiu en Cangas a un diálogo entre os materiais e os corpos, entre o contido e o contexto, desde o silencio e o íntimo. O obxectivo era propiciar que o alumnado se relacionase co mundo da danza e a cerámica dun xeito directo. Na representación empregáronse pezas de porcelana en diferentes estados para crear unha paisaxe emocional e reflexionar conxuntamente sobre conceptos como vulnerabilidade, fractura, silencio, dor e resiliencia.