Ramallo, acompañada dos edís Pablo Novas, Manuel Domingos e Cristina Acuña, e de veciñanza da zona, visitou a Fonte do Castiñeiro.

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos edís Pablo Novas, Manuel Domingos e Cristina Acuña, e de veciñanza da zona, visitou este elemento patrimonial e indicou a “importante labor que queremos seguir facendo desde o Goberno local de protección e posta en valor dos nosos lavadoiros”, como no caso do de Mogor, que será o seguinte no que se actúe

A conservación e posta en valor do patrimonio da nosa vila é fundamental para coñecer a nosa historia e preservar a memoria colectiva do pobo de Marín. Nese sentido, os labores de mantemento de lavadoiros e fontes son unha parte esencial do traballo que está a realizar o Goberno local.

Un dos lavadoiros nos que se vén de actuar é o da Fonte do Castiñeiro, na Porteliña, en Mogor, ao que acudiron esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas, Manuel Domingos e Cristina Acuña acompañados por veciños da zona.

Neste lavadoiro, leváronse a cabo labores de rexuntado e de posta a punto tanto da propia fonte como do lavadoiro e tamén se limpou a contorna, cun pequeno espazo que aqgora está con terra limpa e que antes tiña escombros.

A rexedora quixo trasladar á veciñanza o desexo do Goberno local de continuar executando traballos que consigan facilitar o acceso a estes bens patrimoniais, tanto para os que xa os usaban de xeito frecuente como para todas aquelas persoas amantes do patrimonio que queiran vir coñecelos.

De feito, tal e como lembrou Ramallo, “o ano pasado habilitamos dúas webs municipais, unha con todo un rexistro de lavadoiros en Marín e outro coas fontes, que teñen fichas moi completas con galerías fotográficas, reproduccións 360, información e xeolocalización de cada un destes elementos”.

O lavadoiro de Mogor, un proxecto propio de revalorización

Ramallo aproveitou tamén a visita á Porteliña para lembrar que o Goberno local está traballando nun proxecto de remodelación do lavadoiro de Mogor, un dos máis visibles da vila, así como da súa contorna.

Proponse desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario e, sobre ese espazo único, volvería colocarse o lavadoiro, e renovaríase toda a cuberta.

“En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética”, especifica a memoria técnica do proxecto.

“En total”, engadiu a alcaldesa, “actuaríamos nunha superficie de máis de 500 metros cadrados”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *