Esta mañá realizouse unha das visitas técnicas á construción, para comprobar o avance da execución dos traballos, que aínda contan con prazo por diante
A figura do novo Centro Sociocultural de Marín xa forma parte do día a día dos marinenses, que ven como avanza a execución desta nova infraestrutura cultural, cuxo interior vai tamén tomando forma.
Así se pode ver nas imaxes realizadas polos representantes da empresa executora e da Dirección de Obra, que realizan visitas técnicas periódicas á edificación para facer os pertinentes controis de avance de execución.
De momento, tal e como se vai certificando, o avance das obras está a cumprir os tempos previso, tendo en conta que o prazo no plan de obra aínda marca un horizonte situado no primeiro trimestre de 2025.
A edificación contará cun gran hall de entrada, onde tamén se ubicará a futura Oficina Virtual de Turismo, e con varias salas anexas polivalentes. No que respecta á propia zona do teatro, contará con 550 localidades e cun escenario de 220 metros cadrados.
Paralelamente ao desenvolvemento dos traballos construtivos, o Concello está traballando na elaboración dun proxecto do dotación de equipamento técnico para poder acoller no espazo espectáculos de toda tipoloxía.
A inversión que se está realizando no proxecto repártese da seguinte maneira:
● FEDER (Marín Dusi): 1.427.653,88 euros
● Xunta de Galicia: 2.500.000 euros
● Aportación municipal: 1.872.554,76 euros