Os representantes do colectivo e a concelleira Marián Sanmartín, presentaron esta nova edición,

Os representantes do colectivo e a concelleira Marián Sanmartín, presentaron esta nova edición, na que o actor e humorista Carlos Blanco recibirá o Premio Honorífico “Luz de Faro”

O Festival Cine do Mar celebrará a súa terceira edición entre o 20 e o 26 de abril de 2026, consolidándose como unha cita cultural de referencia en Galicia centrada na relación entre o audiovisual, o mar e a identidade cultural.

Os membros da Asociación polo Museo do Mar e a concelleira Marián Sanmartín presentaron esta mañá nos xardíns do Concello este evento, que mantén o seu compromiso coa valorización do mar como ecosistema, a concienciación sobre a súa protección e a dignificación dos oficios vinculados ao ámbito marítimo, ao tempo que promove a creación audiovisual en lingua galega e o seu uso entre as novas xeracións.

Unha programación multidisciplinar arredor do mar

O festival ofrecerá unha programación diversa e internacional, que combina proxeccións cinematográficas, actividades formativas e encontros profesionais. Inicialmente, a Asociación solicitou realizar algunhas das actividades no novo Auditorio de Marín, pero aínda están a rematarse as últimas comprobacións de seguridade do edificio, polo que finalmente os escenarios do evento serán: o Cine Seixo, a Biblioteca Pública e o Espazo Emprendedor.

O luns 20 de abril, inaugurarase a mostra coa presentación do xornalista Carlos Prado e coa entrega do Premio Honorífico “Luz de Faro” ao actor e humorista Carlos Blanco. Despois, proxectarase o filme “Rondallas”, de Daniel Sánchez Arévalo.

A partir de aí, do martes ao sábado, haberá actividades na Biblioteca Vidal Pazos. O martes ás 18.00h, arrancará a Sección Ensino coa participación dos coles marinenses CEIP Ardán, CEIP Ribeón, CEIP de Seixo, CEIPP Sequelo, o coruñés CEIP Torre de Hércules e o instituto cambadés Ramón Cabanillas.

Despois, comezará a Sección Oficial Documental coas proxeccións de “A tarea” e “Un mar de mulleres”. Pechara o día unha mesa redonda sobre as mulleres do mar e o marisqueo, na que participarán Sandra Amezaga (de Mulleres Salgadas), Marina Buceta (da Asociación de Mulleres do Mar de Poio), Rita Míguez (de Mariscadoras de Arcade), moderada por Rita Pesqueira, bióloga.

O mércores e o xoves a partir das 19.00h desenvolveranse a Sección Oficial Documental, con “La mé a nan san”, “Si el silencio fuera azul” e “Parangol” a primeira xornada e “El nom de les flors”, “Polbeiros” e “Mar, sol, vent”, a segunda; e a Sección Oficial de Ficción, con “Buelta eta buelta”, “Chec-out”, “Bajamar” e “Inés” o primeiro día e “El pasajero”, “Ultramarino” e “Nas ondas do tempo”, o segundo.

Ambos días, clausuraranse coa charla de “Os cetáceos nas Rías Baixas”, a cargo de Alfredo López, biólogo mariño do CEMMA, e a mesa redonda “A creación audiovisual en Galicia”, con Carlos Prado (xornalista e realizador), Adrián Porima (Director de “Nas ondas do tempo”), Xacobo Sanmartín (Director de “Mar, vent, sol”), Álex Cancelo (Guonista de “Mar, vent, sol”) e Ángel Cea (Director de “Polbeiros”).

O venres pola mañá, os escolares serán os protagonistas coa Escola de Cine e Mar, de 10.00 a 12.30h, onde se proxectarán as pezas “Homo Plastic”, “Marinero en tierra” e “L’oeuvre vive”, co acompañamento de Barafunda Animación. Pola tarde, ás 19.00h arrancará a Sección Oficial de Ficción con “Fenicia” e “Memòrias com vista pro mar”. Despois, proxectarase o filme de clausura, “San Simón”, coa participación do seu director, Miguel A. Delgado; o actor marinense, Celestino Fuentes, e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *