A deputada e o responsable do PSdeG de Moaña diante do centro de saúde da localidade.

A parlamentaria socialista Leticia Gallego acusou hoxe ao goberno do PP de “vender fume” coa sanidade de Moaña porque “nunca apostaron” polo servizo de urxencias para o Concello. Así o dixo logo de coñecer o veto do PP en contra dunha iniciativa socialista debatida hoxe no Parlamento para restituír de forma inmediata as urxencias médicas no Concello e reforzar ao persoal da Atención Primaria”.

Gallego acusou ao PP de botar “balóns fora” para sinalar aos concellos e o goberno central cando teñen as competencias exclusivas en materia de sanidade e esixiulle “menos demagoxia e un pouquiño de rigor”. Lembrou así que a proposta de convenio presentada pola Xunta para o novo Centro de Saúde nunca incluíu o servizo de urxencias, que tivo que ser incorporado como requisito imposto por parte do Concello.

Sinalou que “a Xunta sabe perfectamente que o concello de Moaña está urbanizando a zona onde van construír o Centro de Saúde”, e explicou que “houbo que tramitar as autorizacións sectoriais e xa se enviou toda a documentación á Xunta”. Explicou que a pasada semana “o Concello de Moaña informou á Xunta de que o catastro viña de rexistrar as parcelas para acelerar a súa cesión” como último paso de rigor para comezar coa construción da infraestrutura.

A responsable socialista alertou de que o peche do servizo de urxencias no Concello, trasladado a Cangas dende abril de 2020, “está a causar un gran malestar entre a veciñanza”, que está a padecer unhas listas de espera inasumibles pola falla de persoal sanitario. Engadiu que “a situación nesta vila cada vez agrávase máis debido á baixa dunha das pediatras dende o mes de febreiro, deixando unicamente a unha especialista de medicina infantil no Centro de Saúde”.

Lembrou as recentes mobilizacións cidadás no Concello, cando a cidadanía denunciou nas rúas o pasado mes de febreiro “a falla de persoal, a demanda de recuperar o servizo de urxencias, centralizado dende abril de 2020 no PAC de Cangas, así como unha ambulancia de reforzo” para unha localidade que suma 20.000 veciños e veciñas, unha poboación que chega a triplicarse en temporada de verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *