A actuación transformará o Toural para crear un núcleo de centralidade de referencia como punto de encontro e convivencia da cidadanía
O expediente da humanización do contorno do Concello de Vilaboa está rematado e con todos os permisos favorables o que permitirá ao goberno local iniciar en breve o proceso de licitación desta actuación que se executará cunha achega económica da Deputación de Pontevedra e fondos propios. Está previsto que os
traballos de transformación da contorna comecen este mesmo ano e estén concluídos neste mandato.

O obxectivo desta actuación é dotar a Vilaboa dun núcleo de centralidade do que carece neste momento na zona do Toural, creando un ámbito uniforme no espazo que vai desde a rotonda de acceso á contorna da igrexa e o centro de saúde ata a sede do CRA, transformado tamén a actual praza situada diante do Concello.
Cunha pavimentación uniforme en todo o ámbito, vexetación axeitada, remodelación do tráfico con zonas de aparcamento disuasorio e propiciando o uso peonil, esta ambiciosa actuación busca crear o grao de urbanización esperable dunha capitalidade do municipio, transformando toda a zona nunha praza de referencia e sobre todo de punto de encontro de poboación de todas as idades.
Esta actuación urbanística, que porá en valor elementos singulares do entorno como cruceiros, fontes e incluso a casa rectoral e o seu canastro, busca tamén favorecer a renovación e revitalización urbana e comercial do entorno e propor novos usos e actividades que favorezan a concorrencia a este espazo público e o seu desfrute por toda a poboación, promovendo o equilibrio entre usos lucrativos e os espazos de estancia.
En definitiva, esta iniciativa na que o goberno local comezou xa a traballar no 2022 coa convocatoria dun concurso de ideas, busca dar inicio á transformación de Vilaboa, unha idea xa definida no PXOM para crear un núcleo de convivencia no lugar do Toural, punto de encontro sobre “o que debe pivotar ese gran cambio, ese gran salto cara adiante que un concello como o de Vilaboa, marcado pola súa dispersión, necesita para seguir medrando”, apunta César Poza.

“Como alcalde conseguir esa metamorfose que para Vilaboa suporá cambiar esa imaxe de concello monótono, apagado, sen un núcleo urbano de referencia, é un fito que marcará un antes e un despois. O que pretendemos con esta obra é transformar un espazo gris, feito de asfalto e formigón, carente de calquera sensibilidade urbanística ou medio ambiental nun espazo pensado para a xente, un lugar de encontro para a
veciñanza de Vilaboa, convertido nun espazo de cor e amable cos peóns”, explica César Poza sobre unha actuación clave no proxecto global de transformación para Vilaboa que está a desenvolver o goberno local e que inclúe a descentralización de parques públicos nas parroquias.
E recorda que todo isto nace dun proxecto financiado co Plan Ágora da Deputación de Pontevedra que “nos permitiu soñar que outro concello, que outra Vilaboa era posible”. Así, no ano 2022 iniciouse un proceso no que o goberno local implicou a diferentes sectores convocando xuntanzas coa veciñanza e os colectivos socias, coa idea de recadar propostas e opinións sobre as necesidades e demandas que vían para este espazoe e que quedou reflectida no proxecto gañador do Concurso de Ideas convocado naquel momento e que agora se vai executar.