O Concello xa ten o estudio económico-financeiro actualizado e advirte da necesidade de ser “serios coa política de mobilidade, con datos obxectivos sobre as prazas de estacionamento que temos e entendendo as necesidades que hai”. Só no corazón urbano, rexístranse 2.415 prazas
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, informou esta mañá dos avances en materia de política de mobilidade que está facendo e seguirá facendo o Goberno local para transformar Marín e convertela nunha vila moderna, cómoda, segura e sostible.
Por iso, desde o Goberno local defenden as humanizacións das principais rúas do centro urbano que se están levando a cabo, ampliando beirarrúas, renovando servizos básicos de abastecemento e saneamento, colocando novo mobiliario urbano… Obras ás que se suman outras estratexias de reordenación como a creación de aparcadoiros públicos ou a implantación da Zona 2H.
Santos explica que “no casco urbano, temos que intentar mellorar a nosa forma de desprazarnos. Non pode ser que para traxectos de 5 minutos collamos o coche, puidendo apostar por ir camiñando. Iso foi o que nos mostrou o PMUS, o Plan de Mobilidade Sostible, que ten que axudarnos a tomar decisións coherentes para mellorar neste sentido”.
A isto, hai que sumar “todo o tráfico que temos de ida e volta ao noso núcleo urbano, tanto por parte da xente que ven do rural como das persoas que veñen a Marín a traballar desde moitos puntos da provincia”, engade Santos, e que maioritariamente se desprazan en vehículo privado.
Outra cuestión que o PMUS puxo enriba da mesa, segundo indicou o edil, é “unha cifra real e obxectiva do número de aparcamentos que temos no centro urbano, gratis e públicos” e como están repartidos, “porque non podemos propoñer facer aparcamentos por facer en lugares onde hai suficientes prazas e pretender que con iso arranxemos as zonas tensionadas”.
Santos aclara que nas principais zonas do centro hai rexistradas 2.415 prazas de aparcamento, das cales 1.548 son libres, 25 de mobilidade reducida e 62 de carga e descarga, repartidas entre as seguintes zonas/rúas:
● Méndez Núñez
● Concepción Arenal – Carballiño – Sagrada Familia
● Estrada
● Tiro Naval Janer – Banda do Río – Briz – Exército e Marina – Mercado de Abastos
● República Arxentina – Inferniño
● Barriada da Cañota
● Avenida de Ourense
● Rúa da Ponte
● Doutor Touriño – Busto
● Jaime Janer
● Barriada da Virxe do Carme
● Ezequiel Massoni
As 780 restantes correspóndense coas de nova creación dos aparcadoiros+ públicos gratuítos da Zona portuaria, a Praza do Regueiro, Concepción Arenal, Sagrada Familia, República Arxentina I e II, Inferniño, Quevedo, Jaime Janer, Virxe do Carme e Ponte Zapal.
Ademais destes datos, Santos apunta a un que considera “moi relevante” á hora de entender esta situación. “O Instituto Galego de Estatística mostra que nos últimos 10 anos houbo un incremento de máis de 2.100 vehículos en Marín. É imposible que absolutamente todos teñan espazo para estacionar na rúa”.
Impulso dunha “infraestrutura clave para o fluxo de tráfico”
Por toda esta situación, e analizando os datos, o Goberno local cre que apostar por un parking subterráneo é “esencial para cubrir a demanda de estacionamento dese coche que chega a Marín ou ben do rural, ou ben para facer recados ou poque busca un bono por horas para traballar…”. É dicir, cubrir o fluxo móbil e dar, á súa vez, servizo á veciñanza do centro que busca alugar unha praza de garaxe.
“Con este proxecto no Parque Eguren poderemos dotar a Marín de máis de 200 novas prazas de estacionamento e dunha mellor organización da mobilidade. Témolo claro e por iso pediremos a toda a Corporación que mostre o seu apoio a seguir avanzando na tramitación deste proxecto, que será difícil no seu proceso burocrático, pero para o que xa non podemos agardar máis”, explica Santos, que considera “clave” que unha actuación tan relevante oida facerse “de xeito unánime”.
De feito, Santos aclara que na Comisión Informativa celebrada esta semana xa trasladou ao resto de grupos da Corporación unha copia do estudio económico-financeiro do parking subterráneo cos datos económicos actualizados ao mercado actual.