Se vaia ou non Ence de Lourizán, a Autoridade Portuaria de Marín iniciará o proceso de adscrición dos terreos da papeleira e da antiga Elnosa se así o acordan os membros do «goberno» que xestiona o Porto no próximo Consello ordinario que terá lugar o xoves da semana que vén. O presidente, José Benito Suárez, anunciou esta mañá que propoñerá esta idea porque «necesitamos unha zona de loxística portuaria e consideramos que este terreo cumpre todas as condicións». Isto permitirá, explicou Suárez, que aquelas empresas que queren instalarse no Porto de Marín e que neste momento non contan con espazo poidan facelo, ademais, de permitir que Ence poida continuar onde está.
Así llo trasladou hoxe aos representantes dos diferentes sectores sociais de Celulosas cos que se reuniu esta mañá ante a incerteza que están a vivir polo medo real a que a papeleira teña que marcharse da ría de Pontevedra tras o fallo xudicial. «Para nos calquera situación xurídica que veña vainos a favorecer, tanto se Ence segue aí coma se non está aí. Aínda que se continúa vai xerar ingresos porque se crearán máis postos de traballo e haberá máis actividade social na contorna», determinou.
José Antonio Taboada, presidente de Seforcel, celebrou esta decisión e puxo de manifesto que o Secretario de Estado «mentiu» cando dixo que esta adscrición era ilegal porque o Consello Consultivo afirma que é factible e legal. «Se a Autoridade Portuaria exponllo é porque é legal. Pódense buscar combinacións loxísticas estupendas cando teñas os terreos de Ence e o de Elnosa poderíase recuperar e xerar máis postos de traballo. Logísticamente é compatible Ence co Porto. Manter a Ence aí é unha necesidade».
Teñen claro que é un proceso longo pero non complexo porque «está perfectamente recollido na Lei de Portos do Estado e sería perfectamente posible a súa compatibilidade». Así, a noticia lanza «un pouco de luz aos máis de 5000 traballadores de Ence», recoñeceu Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais de Ence, que manifestou o «calvario» que está a pasar o persoal ante a situación actual.